mércores, 21 de outubro de 2015

A Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino exíxenlle á Secretaría Xeral de Política Lingüística unha actuación firme e urxente no caso JUNGLE WORLD

A Mesa pola Normalización Lingüística, a CIG-Ensino e a profesora Ana Belén Tajes mantiveron unha reunión co secretario xeral de Política Lingüística.

A Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino valoran positivamente a información que lles trasladou a SXPL mais lembran que non pode quedar en palabras senón que ten que actuar con urxencia para evitar máis actuacións de discriminación lingüística.
A Mesa pola Normalización Lingüística, a CIG-Ensino e a profesora Ana Belén Tajes mantiveron unha reunión co secretario xeral de Política Lingüística o luns  19 de outubro. Na reunión, que   convocou a SXPL, tratouse o grave caso de racismo lingüístico en Jungle World.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, informou que “a Xunta de Galiza ía actuar neste grave caso de discriminación lingüística”. “A SXPL vai trasladar unha proposta á Consellaría de Política Social e á propia empresa”, dixo o secretario de Política Lingüística. Tamén  se comprometeu a manter informadas a Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino das diferentes actuacións que leven a cabo.
Desde A Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino, solicitóuselle ao secretario xeral de Política Lingüística unha resposta a este asunto coa máxima urxencia e firmeza pola gravidade do acontecido no centro de atención á infancia da Coruña, Jungle World.
Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, transmitiulle que “a actuación da SXPL ten que ir encamiñada a restablecer e asegurar os dereitos lingüísticos das traballadoras”. Ademais “o centro Jungle World ten que garantir a oferta positiva da nosa lingua” lembrou Anxo Louzao. Neste sentido, o centro de atención á infancia ten que elaborar unha nova circular onde se garanta o uso do galego polas traballadoras.
A Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG- Ensino exixiron que a Xunta inicie unha investigación para ver as responsabilidades neste grave asunto de vulneración dun dereito fundamental, como é o uso da propia lingua.
Mónica Pazos, vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, subliñou que “este acto de racismo lingüístico e galegofobia é unha consecuencia da política lingüística da Xunta de Galiza nestes últimos anos”.
A Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG-Ensino valoran positivamente a información que lles trasladou a SXPL mais lembran que non pode quedar en palabras senón que ten que actuar con urxencia para evitar máis actuacións de discriminación lingüística.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario