venres, 9 de outubro de 2015

"Venres nas librarías", fin de semana literaria e musical

Promovido pola Xunta, a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia, o programa contará esta semana coa participación dos autores Manuel Seixas, Pablo Núñez, Fran Amil e As Maimiñas (Lucía Lago e Irene Álvarez), que lle achegarán ao público as seus novos traballos.

O programa ‘Venres nas librarías’ para o fomento do libro e da lectura regresa esta fin de semana con catro novos encontros con autores e autoras, que terán lugar entre hoxe venres e o sábado nas cidades de Vigo, da Coruña e de Santiago de Compostela.
 
Vigo será mañá o escenario de dúas novas actividades. A libraría Cartabón acollerá, ás 20:00 horas, a presentación de ‘Interferencias’ (Edicións Xerais de Galicia), unha novela na que Manuel Seixas achega o lector á historia de María, fisioterapeuta nun centro de persoas maiores, e de Xosé, profesor de historia, e que supón o agardado regreso á narrativa galega deste escritor e músico vilagarcián.
 
Á mesma hora, Pablo Núñez presentará en Casa del Libro ‘Las hijas del César’ (Hércules de Ediciones), unha obra na que as fillas do deus dun Imperio se converten en heroínas de lenda, que se enfrontan con paixón ao misterio e á traizón, á guerra ancestral pola sucesión ao trono celta, e ao mesmo César.
 
Libro-discos para os máis novos
O sábado, o programa ‘Venres nas librarías’ chegará á capital de Galicia ás 12:00 horas, na libraría Aenea, onde As Maimiñas –Lucía Lago e Irene Álvarez, ou, o que é o mesmo, Mai e Miña) presentarán cun pequeno concerto a obra ‘Unha viaxe polo mundo’ (Editorial Galaxia). Con este libro-disco, as moenses farán viaxar os máis pequenos arredor do mundo a través da música.
 
E na cidade herculina, a xente miúda tamén será a protagonista da actividade que terá lugar ás 12:30 horas na libraría Suévia, onde Chuches Amil presentará ‘Un conto ao revés’, da Editorial Galaxia. Nas cancións deste libro-disco do compositor e músico coruñés Fran Amil vive a historia de dous nenos que soñan historias que son soños, e no conto que o acompaña viven cancións para facer rir e cantar.
 
Máis de 80 actividades
Os venres e sábados dos meses de outubro e de novembro de 2015, o programa ‘Venres nas librarías’ ofrecerá máis de 80 actividades para promover o libro, incrementar o público lector e poñer en valor as autoras e os autores galegos. A programación desta segunda edición, na que participan Nova Galicia Edicións, Edicións do Cumio, Edicións Embora, Editorial Galaxia, Edicións Xerais de Galicia, Hércules de Ediciones, Editorial Toxosoutos e Urco Editora, completarase con novas actividades que se desenvolverán en 2016, durante os meses de febreiro e de marzo.
 
Un total de 17 librarías das catro provincias –Cartabón, Andel, Librouro e Casa del Libro, en Vigo; O Pontillón, en Moaña; Pedreira e Aenea en Santiago de Compostela; Trama, en Lugo; Káthedra, en Ourense; Suévia, Couceiro e FNAC, na Coruña; Nós, en Sanxenxo; Ler, en Cee; Day, en Narón; Bahía, en Foz; e Vagalume, en Lalín– serán o lugar de encontro de público lector, de libreiros e libreiras e de escritores e escritoras para dar a coñecer as novidades editoriais galegas a través de diferentes propostas, nas que se promove a participación activa de público de todas as idades.
 
Concurso nas redes sociais
Estes encontros cos libros en galego dos venres e sábados non só se cinguirán ás librarías, senón tamén ás redes sociais, co concurso ‘Andel do agasallo’. Cada semana, as persoas que participen deberán adiviñar, mediante diversas pistas, de que libro se está a fala. O lector ou lectora que o acerte levará de agasallo ese novo título editorial.
 
Máis programación en 2016
A segunda edición de ‘Venres nas librarías’ prolongarase durante os meses de febreiro e de marzo do ano que vén, nos que se programarán novas actividades arredor das publicacións máis recentes, para achegarlle a cidadanía o libro e a lectura a través dos últimos traballos das escritoras e dos escritores galegos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario