venres, 30 de outubro de 2015

A Mesa pide redobrar a aposta no galego en Ferrol como mellor resposta á proposta de Ciudadanos

A MNL remitíu un escrito a todos os grupos municipais do concello instándoos a potenciar a aplicación e cumprimento da Ordenanza municipal de Normalización Lingüística de Ferrol. A proposta de C´s de que o galego deixe de ser o idioma oficial debátese en pleno esta quinta feira.

A Mesa pola Normalización Lingüística considera que a mellor resposta que se pode dar a propostas como a de Ciudadanos, que pide que o galego deixe de ser o idioma oficial do Concello de Ferrol, é “redobrar esforzos” no emprego e protección da lingua propia de Galiza. A entidade presidida por Marcos Maceira remitíu un escrito a todos os grupos municipais do concello de Ferrol e ao grupo de goberno, instándoos a potenciar a aplicación e cumprimento da Ordenanza municipal de Normalización Lingüística de Ferrol, xunto coa toda a lexislación que ampara a oficialidade da lingua galega, especialmente sobre o uso do galego como lingua oficial de Galiza polas administracións locais.
Maceira sinala que “todos os estudos realizados indican a gravidade da situación da lingua galega no concello de Ferrol”. Unha situación que hai que “reverter para garantir que a lingua galega sexa realmente oficial a todos os efectos, non só sobre o papel”. Desde A Mesa de Ferrol, o seu responsábel Carlos Outeiro, lamentou “que aínda existan grupos empeñados en negar a realidade e en axitar vellos e novos prexuízos falsos contra a lingua galega”. Outeiro,reiterou a necesidade de reunir o Consello Municipal de Normalización pra posibilitar a implicación social no proceso de normalización lingüística que Ferrol debe reiniciar.
O último informe do IGE sitúa Ferrol como a cidade galega onde menos se fala o galego, un 12% da poboación, mentres que é onde máis hai persoas que nunca usan este idioma, un 23% dos habitantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario