A Plataforma Estatal pola Escola Pública, na que se integran as
organizacións máis representativas de docentes, familias e estudantes do
ensino público do noso país, denuncia a autocompracencia mostrada polo
ministro de Educación no comezo do novo curso. Íñigo Méndez de Vigo
esquece que, durante o últimos catro anos, o Goberno do PP minguou os
orzamentos do Ministerio de Educación en máis de 3.000 millóns de euros,
aos que hai que engadir os 6.300 millóns de euros ao ano escamoteados á
educación española no conxunto de todas as comunidades autónomas.
Os recortes afectaron gravemente á equidade e inclusión do noso
sistema educativo, aumentando as desigualdades e provocando o
afastamento da gratuidade da educación para moitas familias: a unhas
privoullas de bolsas e axudas e a outras esíxeselles a súa devolución
segundo os resultados académicos obtidos. Desta forma, o Ministerio
elude a responsabilidade das súas propias políticas, que están
encamiñadas á redución progresiva e imparable do investimento destinado a
garantir a equidade e a igualdade de oportunidades. Como consecuencia,
un importante número de familias non pode facer fronte á compra de
libros e materiais ás que se lles obriga, pago de comedores e transporte
escolares, matrículas universitarias, etc. A entrada en vigor da
contrarreforma educativa, á que se opuxo toda a comunidade educativa e
os partidos políticos da oposición, agravou aínda máis esta precaria
situación.
Ademais, a Plataforma critica as medidas electoralistas anunciadas
polo responsable de Educación, coas que vende fume para as próximas
eleccións e renuncia a impulsar iniciativas que supoñan unha mellora
real para a educación pública española. En concreto, refírese ás catro
medidas estrela do Ministerio, que teoricamente restituirán moitos dos
recortes impostos estes anos polo PP. En pleno alarde electoralista, o
substituto de José Ignacio Wert prometeu diminuír o número de alumnos/as
por aula; cubrir as substitucións de forma inmediata en casos moi
determinados; contratar a máis de 13.000 profesionais; elaborar un libro
branco como base dun futuro Estatuto Docente; e revisar as reválidas de
ESO e Bacharelato na próxima lexislatura, a propósito de que, para
entón, xa non será responsable de Educación.
O que Méndez de Vigo non di é que a diminución das cocientes de
estudantes por aula non se poderá levar a cabo porque, na práctica,
esixiría aumentar a cifra de docentes nun número moi superior ao
previsto e non existe vontade real para iso; as substitucións
limitaranse a casos moi concretos que roldarán o 10 % do total e
deixarán fóra os supostos máis habituais, como as baixas do profesorado
por enfermidade común; que a oferta de emprego non contempla recuperar
os postos de traballo destruídos nos últimos anos, que ascenden a máis
de 30.000; e que o libro branco da Función Docente pode supoñer un
retroceso significativo na negociación, posto que, xa en 2007,
alcanzouse un acordo coas organizacións sindicais que non chegou a
fraguar.
A Plataforma Estatal pola Escola Pública defende que, para recobrar a
equidade e a calidade do sistema educativo, é urxente reducir de forma
fehaciente o número de estudantes por aula, diminuír a xornada lectiva
do profesorado e atender puntualmente a substitución das súas baixas. Só
revertendo de forma real as medidas que o PP impuxo durante esta
lexislatura e que afectan a estes e outros indicadores, lograrase
mellorar a atención ao alumnado, clave para impulsar unha educación
pública de calidade.
Un novo modelo educativo
Nun intento de impedir a morte anunciada da LOMCE, o ministro fala da
necesidade dun pacto escolar. Pola súa banda, a Plataforma defende que,
para construír un modelo educativo que dote de estabilidade ao sistema,
é obrigatorio derrogar dita Lei e acordar unha alternativa que parta
duns principios de inclusión e non segregación e arrincone medidas que
están nas antípodas do progreso educativo, como a inclusión da materia
de relixión e as avaliacións externas. Estes exames responden a
intereses mercantilistas e competitivos das institucións que os promoven
(OCDE, Banco Mundial, Fondo Monetario Internacional…) e fomentan a
marxinalidade do alumnado de contornas máis desfavorecidas, desprezando a
capacidade educativa do profesorado e fomentando a segregación.
Así mesmo, é preciso restituír os máis de 30.000 postos docentes
perdidos e adaptar os persoais ás esixencias educativas actuais a través
de ofertas públicas de emprego suficientes, asegurando a súa
estabilidade, o que implica reducir a interinidade inxustificada dos
contratos e equiparar as condicións laborais e salariais do profesorado.
A regulación da profesión docente debe ser o marco para o
desenvolvemento profesional do colectivo de traballadores e
traballadoras do ensino, entendido como un proceso fundamental na
mellora da calidade educativa e a dignificación laboral e social do
colectivo. O Estatuto Docente ten que responder as reivindicacións do
sector a través do relanzamento da negociación colectiva do persoal, e
ha de ter en conta a función social do ensino e potenciar o traballo
cooperativo e colaborativo do profesorado.
No ámbito universitario, e a Plataforma lembra que a subida de taxas e a
diminución de bolsas expulsaron da universidade a máis de 77.000
estudantes desde o curso 2011/2012 que o decreto do 3+2, entre outros,
dificulta o acceso das familias con menos recursos á educación
superior, ao encarecer os estudos. Neste sentido, profesorado, familias e
estudantes avogan por unha política coherente e consensuada que
rectifique a actual. É imprescindible rebaixar os prezos dos estudos
oficiais, mellorar substancialmente as políticas de bolsas e financiar
adecuadamente a universidade pública para reforzar a educación superior e
a toda a comunidade universitaria.
En definitiva, é necesario dar un novo sentido ao dereito á educación
co obxectivo de, nun marco de participación democrática que recupere o
papel da comunidade educativa, asegurar a súa gratuidade real, ampliar
ata os 18 anos a súa obrigatoriedade e garantir a formación ao longo da
vida.
Por último, a Plataforma pola Escola Pública incide en que a
educación pública debe ser garante da igualdade de oportunidades e estar
aberta á sociedade e aos seus requirimentos e, por tanto, as
administracións deben ser capaces de responder ante situacións de
especial vulnerabilidade, tanto cos refuxiados, como coas persoas
inmigrantes e os cidadáns que sofren con especial virulencia a crise,
provendo aos centros educativos dos medios e recursos adecuados para
recibir a menores e as súas familias. Nunha situación de tal
complexidade, é necesario impulsar a educación intercultural e contra a
discriminación e o racismo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario