Un estudo realizado en escolas alerta dos peores rendementos académicos dos cativos con actividades extraescolares excesivas.
Un estudo da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB) e a Universidade das Illas Baleares (UIB) conclúe que os mellores resultados académicos nos nenos de primaria relaciónanse cun patrón de descanso adecuado -durmir entre nove e 10 horas- unido a unha práctica moderada de exercicio físico, entre 2 e 5 horas á semana.Pola contra, os peores resultados académicos danse cuns patróns inadecuados de descanso, de menos de 9-10 horas e un número elevado de actividades físico-deportivas, máis de 5 horas á semana.
A investigación fíxose a partir das respostas de 573 alumnos de Educación Primaria -313 nenos e 260 nenas- de 18 centros escolares – nove públicos e nove concertados -das comarcas de Barcelona, Mallorca e Menorca.
É a primeira vez que se estudan os efectos dos patróns de descanso e a realización de actividades físico-deportivas extraescolares no rendemento académico, de forma conxunta e non por separado, como se estudou ata o momento.
Trasnoitar e levantarse pronto prexudica o rendemento académico. O estudo alerta da existencia dunha pauta de descanso nocturno insuficiente e irregular cada vez máis frecuente en nenos e adolescentes. Isto podería ser a causa de que durante as primeiras horas de clase os alumnos se atopen adormentados e non teñan a capacidade de atención necesaria para seguir as clases. Comprobouse que deitarse despois das dez da noite dificulta que os mozos se poidan desempeñar ao día seguinte en condicións óptimas.
Evidénciase a gran cantidade de actividades extraescolares nas que participan os nenos e nenas destas idades. Os datos indican que un 84,20% da poboación fai algún tipo de actividade fóra da escola. As de carácter físico ou deportivo levan unha serie de beneficios, como o incremento da autoestima e a confianza nun mesmo, e a optimización do desenvolvemento social e cognitivo e o rendemento académico.
A práctica de deportes mellora o rendemento en matemáticas e linguas
Ademais, os resultados tamén suxiren que a práctica deportiva reduce a tensión, a ansiedade e a depresión, e que incrementa a aprendizaxe e a memoria, todos eles factores que conducen a alcanzar un estado óptimo de saúde e un maior rendemento académico.Pero a participación en actividades extraescolares mellora o rendemento académico dentro duns límites. De feito, os seus efectos distribuiríanse nunha curva en forma de “u” invertida, xa que non realizar ningún tipo de actividade extraescolar ou realizar máis de cinco de simultáneas leva efectos negativos.
A práctica extraescolar físico-deportiva inflúe positivamente no rendemento dos nenos de primaria en materias como matemáticas e linguas, é dicir, as materias que requiren unha maior atención. O mellor rendemento académico obtense coa realización dunha práctica físico-deportiva moderada, de entre 2 e 5 horas á semana, mentres que as peores notas coinciden cunha práctica excesiva.
Das conclusións dedúcese a importancia de “concienciar ás familias e educadores de que os nenos realicen actividade física ou deportiva desde moi pequenos, pero de forma moderada, non máis de cinco horas á semana, xa que isto favorece os patróns de descanso adecuados e o mellor aproveitamento na escola “, explica Ramón Cladellas, profesor da UAB e un dos autores da investigación.
O estudo da UAB e da UIB, publicado na Revista de Psicología del Deporte, suxire que desde as administracións educativas se expoña a necesidade de programar un maior número de horas de actividade física no horario escolar, vistos os resultados deste estudo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario