aCentral Folque, o centro galego de música popular, vén de ampliar os seus itinerarios incorporando un programa profesional de dous anos aberto a músicos de calquera estilo.
Comeza o curso n'aCentral Folque con moitas novidades grazas ao apoio recibido por parte da Deputación da Coruña e do Concello de Santiago, que se traduce en máis e mellores opcións de aprendizaxe, mellores prezos e novos espazos para o ensino.A principal novidade é a apertura dun novo itinerario profesional cun programa de dous anos. Cóntanos os detalles Mauro Sanín: “Abrimos un curso enteiro de formación aberto a músicos de calquera estilo, organizado como un máster, con tres estéticas: tradicional, popular/urbana e contemporánea/experimental, coordinadas por Oscar Fernández (Os Cempés), o pianista Alejandro Vargas e Javier María López”.
Isto supón unha nova etapa na historia desta entidade, que anteriormente tiña sede en Lalín e se denominaba Conservatorio Folque. “Para nós supón renovar forzas e ilusións. Despois de 15 anos seguimos apostando polo ensino máis exclusivo e renovando o panorama pedagóxico da música galega”, explica Sanín.
O principal obxectivo d'aCentral é “crear canteira”. Das súas aulas saíron músicos como Alba María, Davide Salvado, Linho do Cuco, Ariel Ninas ou Gutier Álvarez.
Novos espazos
Outra das novidades é a ampliación a espazos novos da cidade compostelá. O novo itinerario impartirase en aulas do Auditorio de Galicia os venres pola tarde e o sábado pola mañá.
O resto da escola (aulas individuais de formación continua en práctica instrumental, a chamada Escola Livre da Música Popular Galega) terán lugar no CSC da Trisca os sábados todo o día (harmónica, violino, gaita e percusión) e no CSC do Castiñeiriño os luns pola tarde (Frauta e requinta).
E, por último, froito do acordo coas institucións, o prezo da matrícula rebáixase máis dun 20%.
Hoxe terza feira 13 de outubro abre o prazo de matrícula para o novo curso, que botará a andar cun concerto-presentación o martes 20 no Auditorio de Galicia no que participarán Alejandro Vargas Trío, Óscar Ibáñez Trío, Alba María, José Manuel Díaz e The Delightful Companion.
Ningún comentario:
Publicar un comentario