A USC bota a andar en Lugo o Campus Terra, coa especialización e internacionalización como grandes retos.
Lugo xa conta co Campus Terra, un proxecto de especialización a través do que a USC busca poñer en valor os recursos da terra e contribuír ao desenvolvemento do medio rural e social galego. “Será, a través da realización de actividades docentes, de servizos e de I+D+i que ofrezan solucións e dean respostas ás necesidades e retos existentes”, dixo o reitor desta universidade Juan Viaño.
Foi durante a sinatura do convenio para o o desenvolvemento do Plan de Actuación 2015-2016, xunto co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez. A produción sostible de alimentos, a seguridade alimentaria, a sanidade animal e vexetal, a xestión empresarial e o emprendemento no medio rural, os recursos forestais, a planificación do territorio, o desenvolvemento rural e social ou a xestión do medio natural sostible son, entre outros, ámbitos temáticos do Campus Terra.
O reitor da USC precisou asemade que o modelo de gobernanza do Campus Terra vai na liña dos Campus de Excelencia Internacional e contará, ademais de cunha comisión rectora, co asesoramento dunha comisión externa presidida polo director do Campus da Alimentación da Universidade de Barcelona, o catedrático Marius Rubiralta.
Tamén forman parte deste comité externo Enrique Quesada, coordinador do campus de excelencia internacional CeiA3 da Universidade de Córdoba; o director da oficina académica tecnolóxica da Universidade de Florida, Pedro S. Zazueta; o profesor do Royal Veterinary College da Universidade de Londres Francisco Javier Guitián, e José Luis Antuña, de Feiraco. Esta comisión tamén estará aberta á participación das administracións, tales como a Xunta de Galicia, Concello e Deputación de Lugo.
O Plan de Actuación do Campus Terra conta cunha achega de 1,3 millóns de euros. As súas primeiras accións estratéxicas do Campus Terra están centradas en potenciar e mellorar os servizos e estruturas actuais da sede universitaria luguesa. Neste senso, está prevista a posta en marcha dun portal web que faga promoción do Campus Terra a nivel internacional e achegue máis visibilidade ás súas actividades. Ademais, crearase o centro e-Terra para ofertar formación non presencial que facilite a egresados/as o reforzo e actualización de coñecementos e permita a captación de novos estudantes.
Outro dos obxectivos desta primeira fase de actuación do Campus Terra é elaborar unha diagnose da demanda empresarial a fin de ter en conta as necesidades de formar especialistas no eido forestal, agrario e alimentario de Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario