A xira Rapaciñ@s,
dirixida a amosar perante os escolares axeitadas maneiras de usar as
novas tecnoloxías (a través de charlas e obradoiros), chega
este 20 de outubro a Vigo logo da primeira
actividade celebrada na Cidade da Cultura de Santiago. A cita é
no Edificio Municipal da Rúa Oporto (antigo Reitorado da
Universidade de Vigo) e vén da man, como todo o itinerario previsto
pola nosa xeografía, do Colexio Profesional de Enxeñaría en
Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). O horario do evento
(que é de balde) vai de 19.30 a 21.30 horas.
A xornada vai dirixida
a nais, pais e docentes, que terán unha oportunidade para dar conta,
de primeira man, das vantaxes das novas tecnoloxías e como previr
os riscos que tamén presentan. O programa de mañá abrangue unha
charla cun colexiado do CPEIG e obradoiros lúdico-didácticos para
as nenas e nenos centrados nas maneiras de acadaren unha navegación
o máis enriquecedora e segura posíbel.
Rapaciñ@s, como
lembraremos, é un programa que consta dunha serie de relatorios
informativos que percorre Galicia da man das colexiadas e colexiados
do CPEIG. Por unha banda, familias e tamén docentes atopan
información e recursos de interese; por outra, nenas e nenos
adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven a súa
creatividade tecnolóxica a través de obradoiros pensados para que
se divirtan e aprendan.
Para asistir ás
conferencias e obradoiros non é necesaria inscrición previa e as
prazas cubriranse por orde de chegada (“cómpre que as nenas e
nenos leven unha tableta ou un smartphone para participar nos
obradoiros”, sinalan dende a organización).
Ningún comentario:
Publicar un comentario