Iago Pérez Santalla presenta o sistema educativo como camiño de auto descubrimento na busca da realización persoal nunha tese doutoral.
A teoría do Ilímite é un impulso para valorar a cada persoa polas súas mellores capacidades e non polos seus límites, mantén o educador social e máster en Servizos Culturais pola USC, Iago Pérez Santalla, na súa tese de doutoramento, que, ademais está afectado por unha parálise cerebral.
Baixo o título ‘A aplicación e desenvolvemento da teoría do Ilímite en contextos educativos formais e non formais', e dirixida pola profesora do Departamento de Lóxica e Filosofía Moral da USC Beatriz Fernández Herrero, a tese recibiu un sobresaliente cun laudem na Facultade de Humanidades do campus de Lugo.
A aplicación do Ilímite ao sistema educativo implicaría percorrer con cada alumno o camiño do seu propio auto descubrimento a fin de comezar con el a procura da súa autorrealización persoal. O Ilímite implica o reto de establecer aprendizaxes cooperativas que busquen éxitos compartidos e colectivos nos que se interioricen sinerxias que leven ao desenvolvemento da creatividade. Todo isto supón, tamén, educar en valores buscando formas de crecer xuntos e de forxar vitorias compartidas.
A teoría do Ilímite é unha metodoloxía para coñecer e deconstruír a propia realidade, creando unha realidade á medida de cada persoa “pero sempre compartida, negociada e, por suposto, ancorada nos valores da solidariedade, a aceptación mutua e o desenvolvemento interdependente que teñen como meta unha sociedade inclusiva que se recoñeza a si mesma”, apunta a USC.
O marco teórico desenvolvido por Pérez Santalla susténtase en experiencias educativas con colectivos moi variados que abarcan todas as idades e que van do ámbito formal ao non formal. Nestas experiencias o Ilímite e a acción do diálogo marcan o camiño do autodescubrimento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario