Ciudadanos cre que a ordenanza vulnera artigos da Constitución, o Estatuto e a Lei de NormalizaciónA única concelleira de C's no Concello, Ana Rodríguez Masafret, insiste en que varios puntos do documento "vulneran de forma flagrante" artigos tanto da Constitución, como do Estatuto de Autonomía e mesmo da Lei de Normalización Lingüística, normas que, lembra, "son moi superiores a unha ordenanza".
Ciudadanos pide que se suprima o artigo que indica que "o galego, como lingua propia de Galicia, é o idioma oficial do Concello de Ferrol" ou outro no que tamén se indica que "as actuacións administrativas realizadas en galego en territorio municipal terán plena validez e eficacia". Tamén se solicita a anulación de artigos que teñen que ver coa promoción e impulso do galego por parte de empresas ou entidades que presten servizos públicos municipais por concesión, arrendamento ou concerto; coa posibilidade de comunicación na lingua propia con administracións, ademais de en castelán; así como o que incorpora entre os criterios para a selección de persoal dos coñecementos mínimos do idioma de Galicia.
Ciudadanos denuncia a "exclusión" que estaría a sufrir o castelán no Concello de FerrolRodríguez Masafret avoga polo "dereito a elixir o idioma no que expresarse" e polo "bilingüismo" e destaca que hai "dous idiomas en uso e cooficiais". Ademais, cre unha "lástima" que non poidan "confluír dous idiomas de forma igualitaria e equilibrada" e descarta que Ciudadanos queira "excluír" algún deles. "En absoluto", dixo quen, no entanto, denuncia a "exclusión que ata a data se produciu" co castelán e insiste en que quere que a cidadanía ferrolá poida "elixir o castelán como medio de comunicación propio".
A edil de C's advertiu tamén que esta moción vai "en consonancia co programa electoral" da formación que lidera Albert Rivera que, segundo dixo, analiza xa se levar propostas semellantes a outros concellos onde teñen representación, como é o caso de Pontevedra ou Lugo, sempre que comproben as supostas irregularidades que denuncian.
A formación laranxa medita se levar a cabo propostas semellantes noutros concellos onde ten representaciónComo recordou Masafret, o texto baséase nunha sentenza do ano 2006 do TSXG na que se declaraban ilegais varios arigos da ordenanza do Concello das Pontes, e que é "idéntica" á de Ferrol, segundo a moción. Daquela, a normativa pontesa fora impugnada pola Delegación do Goberno por considerala inconstitucional. O TSXG engadira ademais que a ordenanza vulnera tamén o Estatuto de Autonomía. Ciudadanos, porén, descarta que o caso acabe na xustiza, a non ser que o faga algún cidadán o faga a título particular.
A organización Galicia Bilingüe xa emendara ordenanzas semellantes, como a que fora aprobada en Lugo por BNG, PSdeG e PP en 2012. Precisamente, Ciudadanos apoiara esta asociación na polémica manifestación contra a normalización da lingua galega en 2009. Malia todo, Masafret nega que a súa proposta sexa "expresión dun malestar concreto" que percibise entre a cidadanía, senón a "moitos anos en confrontación coa lei" e alude a algún escrito de "protesta" presentado por algún ferrolán. "Usar un idioma ou outro é un dereito do cidadán e non do territorio", insiste quen nega que a moción "teña que ver co período electoral", pero que insiste nunha "vulneración clara" da lei por parte da ordenanza.
Agás sorpresa maiúscula, todos os grupos políticos rexeitarán a moción. O BNG xa acusara a Ciudadanos de pretender "converter a vítima en verdugo" e de seguir as posturas de Galicia Bilingüe, mentres que o alcalde, Jorge Suárez, cualificou de "fóra de lugar" a proposta e lembrou o necesario "impulso" e "discriminación positiva" que precisa o galego. O PP ten previsto tamén unirse á postura maioritaria a prol da ordenanza.
"Aínda queda moito por facer para que o galego sexa realmente lingua oficial en Ferrol", di A MesaA Mesa pola Normalización Lingüística, pola súa banda, insta o Concello de Ferrol a "redobrar os esforzos para a aplicación da ordenanza municipal de normalización" e lembra que "aínda queda moito por facer 'para que o galego sexa realmente lingua oficial" na cidade.
“As propostas baseadas en falsidades e prexuízos contra Galiza e o galego, como a do grupo municipal de Ciudadanos para reducir aínda máis a presenza do galego só merecen rexeitamento absoluto”, asegurou Marcos Maceira, presidente d'A Mesa, organización que remitiu a todos os grupos unha serie de propostas para o "impluso e aplicación efectiva da ordenanza". "Estas medidas están baseadas nas xa recollidas pola propia ordenanza e o PXNL aprobad por unanimidade polo Parlamento", advirten.
Ningún comentario:
Publicar un comentario