luns, 4 de abril de 2016

Unha campaña viral contra o monocultivo do eucalipto fai crer na existencia de coalas en Galicia


JPEG - 119.7 KB
A información comunicada a medios de comunicación incluía referencias a declaracións dunha enxeñeira agrónoma, dunha asesora da Mancomunidade e de veciños, instando a visitar unha páxina de Facebook na que as devanditas declaracións estaban recollidas en vídeo e incluso había algúns documentos gráficos para sustentar a comunicación realizada, conseguindo así viralizar o ruxerruxe que chegou a publicarse por parte da axencia Europa Press e, en consecuencia, en poucas horas apareceu en numerosos medios de comunicación de todo o Estado (El Correo Gallego, El Diario, El Economista, La Vanguardia...) que non contrastaron tan dubidosa información que moitos aceptaban co humor propio da data de hoxe (Primeiro de Abril) e finalmente confirmouse o que moitos sospeitaban: tratábase dunha simpática campaña viral que buscaba concienciar sobre a problemática do monocultivo de eucalipto en Galicia.
Os responsables desta iniciativa lembran que o coala é unha especie que se adaptou ante a proliferación do eucalipto no seu territorio natural, de xeito que agora é capaz de alimentarse de follas de eucalipto, nocivas para a meirande parte de mamíferos, e fan un chamamento aos galegos a non ser coalas. Chaman así coalas aos humanos que involucionan, se conforma e se adaptan, polo que aínda que non existan espécimes de coala en Galicia, si habería moitos coalas humanos, que coa súa aposta polo eucalipto estarían a provocar un empobrecemento do solo galego, un freo a biodiversidade e incluso un factor de risco ante o lume, denunciando que actualmente o eucalipto ocupa máis do 30% da superficie forestal galega, fronte a menos do 2% que ocupa o bosque autóctono.
A acción que fixo crer a existencia de coalas en Galicia foi obra da produtora creativa Illa Bufarda coa colaboración de moitas persoas e numerosos cebos en redes sociais que fixo posible a súa difusión, coa idea de que chegase ao seu apoxeo o Primeiro de Abril, data na que desmenten a información xa que “neste días van os burros, as burras e coalas onde non deben ir”.
Aproveitan a ocasión para agradecer a todos os cidadáns que loitan por un monte mellor e non se converten en coalas.

Esta mañá distribuíuse unha nota de prensa na que a suposta Mancomunidade da Farbuda daba conta de albiscamentos dun coala por parte de veciños da Comarca de Ordes, dos que tiña notificado ao Seprona ante a preocupación veciñal que procurou localizar ao pequeno marsupial propio dos bosques de eucaliptos australianos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario