Este xoves deuse
a coñecer a ducia de iniciativas vencedoras da edición 2016 dos
premios INCUVI-Emprende e máis as dúas seleccionadas na primeira
edición dos INCUVI-Avanza, unha convocatoria para o afianzamento
dos proxectos recoñecidos en entregas previas. Segundo
fixo saber a Universidade de Vigo na entrega de distincións (facendo
reconto), ao longo das cinco edicións anteriores dos premios
presentáronse 150 propostas e 47 delas convertéronse en startups
“de alto valor innovador nos tres campus”. No acto, o reitor
Salustiano Mato salientou o potencial da Universidade de Vigo como
unha institución académica ateigada de dinamismo e que é quen de
axudar a converter en realidade “cousas que poden parecer soños
pero que cada día constatamos que son realidade”. Esta é, dixo, a
finalidade de INCUVI e, tamén, dos seus galardóns: ser unha fábrica
de emprendedoras/es.
Segundo lembrou, na edición 2016 seleccionáronse
18 finalistas, dos que foron elixidos seis proxectos gañadores do
Campus de Vigo, catro de Ourense e dous de Pontevedra. Os seus
responsábeis, agora, madurarán cadanseus proxectos dende espazos de
pre-incubación das sedes INCUVI de Ourense, na Tecnópole; de
Pontevedra en AJE; e de Vigo en Cidade Universitaria.
A vicerreitora de Estudantes, Dolores González, foi
a encargada de dar a coñecer os gañadores e lembrou que xa na
pasada edición acadouse “un dos nosos meirandes fitos: a
globalización académica e xeográfica de INCUVI-Emprende, chegando
así a todas as áreas de coñecemento e a tódolos centros e
titulacións da Universidade de Vigo”.
Campus de Vigo
Indo aos premiados e ás súas propostas, un dos
emprendedores recoñecidos foi Alberto Novoa, graduado en Enxeñaría
de Tecnoloxías de Telecomunicación, que recolleu o galardón por
MyKeeper, unha iniciativa que mediante unha pulseira de
xeolocalización e un elemento detector de actividade desenvolve un
sistema de vixilancia para enfermos de Alzheimer e doutras patoloxías
semellantes.
Outro dos proxectos distinguidos é Macromicologic,
unha iniciativa que vai ter o seu centro de operacións na
preincubadora da Cidade Universitaria e que se dirixe a achegar
servizos relacionados coa micoloxía tales como a avaliación da
produción, catalogación de especies, valoración económica do
produto, implantación de novas especies, creación de roteiros
micoturísticos. Vén da man de Hugo Fernández, graduado en
Bioloxía.
Xunto a Mykeeper e Macromicologic, foron
premiados tamén os responsábeis das outro catro ideas empresariais
con destino vigués: Loop Tronic, centrada na Internet das Cousas;
Beleader, unha solución web orientada ao turismo de baixo custe;
Blue Lion, relacionada do mundo da moda e do lecer, e Awesome Soft,
enfocada ao desenvolvemento e venda en liña de software de lecer.
Campus de Ourense
Rita Carreira recolleu o premio á cooperativa de
iniciativa social Brigantia, un espazo onde crear e desenvolver
programas e actividades que promovan a igualdade e o respecto polo
medio ambiente, avivar un ocio e tempo libre saudábel “fóra do
consumismo,” e onde promover e fomentar “a lingua e a cultura
galega”.
Tamén en Ourense terá o seu emprazamento unha
empresa de compra-venta de produtos galegos “aínda sen bautizar”,
subliñou Sergio Martínez, que explicou que levan xa varios meses
traballando nun proxecto comercial enfocado á distribución e
comercialización de produtos agrarios de calidade. A estas
iniciativas únense, para compartir espazo na Tecnópole, o proxecto
Barbook, unha aplicación social enfocada ao sector servizos, e
Enviroverde, dirixida á creación de alternativas reais ao uso
masivo de fertilizantes inorgánicos.
Campus de Pontevedra
Na cidade do Lérez o destino destas novas ideas
empresariais son os espazos de AJE-Pontevedra, onde se instalarán os
impulsores de FreeBee e Lag. “A idea de FreeBee nace para axudar a
solucionar a problemática que estamos tendo no sur de Galicia coa
vespa velutina, a coñecida vespa asiática”, explicou un dos
impulsores da iniciativa, que fixo fincapé en que este proxecto
propón o desenvolvemento empresarial dun sistema para a xestión,
control e erradicación deste especie na contorna galega.
No
caso de Lag, impulsada por dúas graduadas en Belas Artes, o que se
propón é unha tenda obradoiro de serigrafía, na que ao
alumno-cliente se lle permita a creación e personalización das súas
adquisicións.
Afianzamento de Meigalabs e Robotilab
A (primeira) convocatoria INCUVI-Avanza, que
responde á necesidade de continuar apoiando proxectos que tralo seu
paso pola preincubadora amosaron a súa viabilidade pero están aínda
en fase de desenvolvemento, seleccionou dúas startups que
resultaron gañadoras na edición 2015: Meigalabs, do Campus de
Ourense e Robotilab, de Vigo, que seguirán desenvolvéndose no CITI
de Ourense ou no Parque Empresarial de Porto do Molle.
A primeira delas conta xa con máis de 500.000
descargas en todo o mundo do seu videoxogo Corrupt Mayor Clicker.
A súa aposta empresarial céntrase no desenvolvemento especializado
en servizos de gamificación, apps e videoxogos para
plataformas móbiles. A segunda céntrase na robótica educativa e a
tecnoloxía entendidos como o medio para que os máis cativos
aprendan a resolver problemas de todo tipo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario