Tras tres anos de investigacións con fondos da UE, deseñou aplicacións para saúde, drones e automoción.
Táctica, o primeiro macroproxecto centrado na investigación e desenvolvemento das TIC en Galicia, presentou hoxe, nunha xornada dirixida ás empresas do sector, os resultados acadados nas súas dez liñas de investigación. Xurdido da man do Centro de Investigación AtlantTIC como eixo para potenciar o polo de xeración e transferencia de coñecemento TIC creado en Galicia arredor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, Táctica contou cun investimento de oito millóns de euros achegados polo Ministerio de Economía e Competitividad e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, FEDER. Tras dous anos de traballo en I+D+i aplicada no seo da EE de Telecomunicación, en colaboración con centros e universidades nacionais e internacionais, AtlantTIC afirma aque pechou o proxecto con resultados de gran valor para a industria, como son probas reais para a utilización de drones para uso civil, a análise da información e contidos na nube ou a definición da tecnoloxía 5G.A partir da transversalidade da aplicación das tecnoloxías da información e a comunicación aos diferentes sectores industriais, Táctica desenvolveu tecnoloxías e ferramentas aptas, tanto para a industria das comunicacións satelitais, o sector da automoción, o ámbito da saúde ou sanitario, así como instrumentos de mellora dos servizos que ofrecen ás empresas, como análise forense de contidos multimedia e seguridade da privacidade dos usuarios, análise de opinión en redes sociais, optimización do uso das redes grazas ás plataformas SDN ou a indexación e busca de contidos multimedia.
Entre os resultados presentados por Táctica está o desenvolvemento dunha plataforma SDR aplicada en comunicacións vía satélite desde un avión pilotado por control remoto, RPAs, que mellora os sistemas de comunicación vía satélite para escenarios de mobilidade no ámbito civil con drones, vehículos, avións e barcos, mediante o desenvolvemento de algoritmos de adaptación de enlace, que permite adecuar as transmisión ás condicións nas que atopa a canle. Redúcese así a inercia doutros sistemas xa existentes, mellorando a fiabilidade na comunicación nas diferentes condicións de operación e acadando unha maior velocidade de transmisión.
BlueHeart permite monitorizar a pacientes que acaban de sufrir un infartoOutro dos resultados destacados por Táctica é o traballo en redes futuras de 5G, que se agarda empecen a implantarse no ano 2020. Estas redes teñen aplicacións nás áreas da saúde, automoción ou a enerxía, centrándose as investigacións de AtlantTIC no desenvolvemento da teconoloxía de comunicación na banda milimétrica, ademais dunha aplicación concreta en sistemas de comunicacións vehiculares e radar para automoción. No ámbito da saúde, déronse a coñecer varias ferramentas centradas en facilitar o día a día de pacientes e de profesionais. Por unha banda, presentouse a aplicación BlueHeart, unha ferramenta portátil, desenvolvida para Android, destinada á monitorización de pacientes que acaban de sufrir un infarto. Outra das aplicacións céntrase en monitorizar a calidade e trazabilidade de procesos hospitalarios e coidado de pacientes. MyCareClan, pola súa banda, é unha aplicación móbil, implementada para dispositivos iOS e Android, baseada nos conceptos de adherencia médica e cuantificación persoal, é dicir, como un paciente pode participar activamente para cumprir co plan terapéutico acordado previamente co seu médico.
A análise de Cloud Media foi outro dos resultados sobre os que se afondou na evaluación final de Táctica. Trátase dunha liña de traballo centrada no estudo da problemática do soporte, procesado e análise de grandes cantidades de información na nube, principalmente información multimedia, así como o desenvolvemento dunha solución automatizada de análise de opinión para redes sociais, que ten un motor analítico de última xeración e está integrada na plataforma Big Data preparada para o seu despregue escalable na nube.
En seguridade, Táctica desenvolveu ferramentas para análise forense de imaxe e vídeoEn relación cos contidos multimedia, os investigadores de AtlantTIC presentaron a plataforma web desenvolvida para a realización de buscas avanzadas de contidos audiovisuais, de tal xeito, que se poda asociar automaticamente información con contidos e describilos nunha nube de tags. A ferramenta permite detectar e identificar conceptos, palabras e persoas a través do contido do propio arquivo, non só mediante o título ou os tags cos que se identificou un documento.
O desenvolvemento de ferramentas que permiten a análise forense de imaxe e vídeo, podendo detectar arquivos manipulados ou identificar fontes de imaxe e vídeo, foi outra das investigacións presentadas hoxe, nunha sesión na que tamén se amosaron os avances desenvolvidos en seguridade multimedia, concretamente ne procesado de sinal no dominio cifrado ou SPED. Dentro do ámbito detección e seguimento de fenómenos meteorolóxicos, amosouse as capacidades do algoritmo 3PoID, desenvolvido por investigadores de AtlantTIC, que mellora a precisión dos datos obtidos por radares doppler, permitindo unha maior anticipación das previsións e realizalas de xeito máis seguro e fiable.
Finalmente amosáronse os resultados obtidos na identificación da pegada espectral de diversos materiais en frecuencias de terahercios, así como a posibilidade de realizar unha identificación e detección de elementos estraños a certa distancia, ademais esta frecuencia non é ionizante, polo que non supón ningún risco para a saúde. Esta aplicación é válida para seguridade (detección de armas ou explosivos), no ámbito da saúde ou na industria alimentaria e farmacéutica e para a caracterización de materiais, entre outros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario