30 alumnos e tres profesores de ciclo de grao medio de
Sistemas Microinformáticos e Redes do IES Pazo da Mercé das Neves, que iniciaron
as visitas ás instalacións informáticas do Hospital Álvaro Cunqueiro,
puideron coñecer en primeira persoa os recursos tecnolóxicos dos que dispón o
centro e a capacidade que é capaz de xestionar. Con case 15.000 tomas de datos
para a conexión de equipos informáticos e de comunicación, é un dos servizos
máis avanzados de cantos hai nos hospitais de Galicia. A infraestrutura que
xestiona o servizo de Informática situado no hospital permite a conexión
centralizada e en rede de todos os equipos tanto informáticos como de
comunicación, un sistema que xestiona máis de 2.000 teléfonos e máis de 2.500
computadores.
Tras asistir a unha sesión teórica, na que os alumnos
coñeceron como funciona todo o sistema, visitaron a estancia que alberga os
servidores e as unidades centrais, cunha capacidade de almacenamento superior a
300 TB. Unha cifra que en termos de consumo normal, por poñer un exemplo,
significa que poderían almacenarse no Álvaro Cunqueiro 100 millóns de
fotografías.
Posteriormente, os alumnos visitaron a infraestrutura a
nivel de servidores que permanece no Hospital do Meixoeiro e que se trasladan,
progresivamente, ao centro de proceso de datos do novo hospital de Beade.
O soporte informático do Álvaro Cunqueiro non só se refire
aos computadores ou á telefonía, senón que dá servizo á nova tecnoloxía de que
está dotada o hospital, mediante aplicacións informáticas.
Os estudantes das Neves, que se mostraron sorprendidos coas
innovacións tecnolóxicas e o volume das mesmas, coñeceron de primeira man que o
Hospital Álvaro Cunqueiro dispón de todos os servizos dixitalizados. Isto supón
que é posible que todas as comunicacións entre profesionais sanitarios se
realicen sen necesidade de utilizar papeis. Os documentos por escrito quedan só
reservados para as indicacións que se lle entregan aos pacientes ou enfermos
que son atendidos nos distintos servizos do hospital.
Os alumnos coñeceron, ademais, que o servizo de Informática
xestiona as estacións de diagnóstico radiolóxico e o relacionado coa alta
tecnoloxía. Os responsables do servizo informáronlles, ademais, da existencia
de 500 repetidores de sinal Wi-Fi, que están distribuídos polo hospital.
Ningún comentario:
Publicar un comentario