Un dos desafíos máis importantes do Dereito de
Traballo na actualidade é adaptar o seu radio de acción ás novas
contornas laborais xurdidas ao abeiro das novas tecnoloxías da
información. Sobre todo no que se refire a dar axeitada resposta á
gran cantidade de problemas xurídicos que implican estes “fondos
cambios sociais, tecnolóxicos e laborais”. Así
nolo conta a Universidade de Santiago (USC), que para avaliar
estas cuestións e axudar na solución rendíbel dos ditos retos vai
organizar os vindeiros días 14 e 15 de abril un congreso
internacional específico sobre Dereito de Traballo e TIC.
Colaboran no evento a Asociación España de Dereito do Traballo
(AEDTSS) e e a Asociación Internacional para o Estudo Internacional
e Comparado do Dereito do Traballo e das Relacións Industriais
(ADAPT). Participarán profesionais de Reino Unido, Francia, Alemaña,
Italia, Polonia, Arxentina e España.
Entre os múltiples cambios
e transformacións tecnolóxico-laborais que se van expoñer e
estudar no congreso figuran cousas como as novas formas de traballo
colectivo (fórmulas como a da sharing economy e as súas
ramificacións crowd employment, dixital platform employment ou
collaborative employment) ou os recursos e metodoloxías
achegados para axudar ao novo emprendedor individual dixital,
recursos como ICT mobile work, casual work, voucher based work
ou o portafolio work. Segundo informa a organización do
evento a conto das motivacións do mesmo, “diversos estudos de
organismos internacionais acreditan o xa imparábel xurdir de novas
modalidades de traballar e relacionarnos socialmente”. En
definitiva, debullaranse polo miúdo os retos actuais do clásico
Dereito do Traballo en materia tecnolóxica, sobre todo “a efectos
de poder dar axeitada resposta a estes desafíos” e emprestando
especial atención a estas “emerxentes formas de traballar”.
Os co-organizadores do congreso desexan convidar “a
todos os interesados na materia” a participar activamente, ben
asistindo ás conferencias e debates, ben achegando un traballo
específico relacionado coa temática dalgunhas dos relatorios. “Sen
dúbida”, engaden os impulsores da xuntanza, “a participación
activa será esencial para comezar a reflexionar dunha maneira seria
e ordenada sobre a profundidade das últimas e futuras
transformacións laborais”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario