Co lema “Defendamos os nosos dereitos. Ensino Público Galego”, a CIG-Ensino aspira a revalidar o liderato no ensino público non universitario o vindeiro 4 de decembro.
O vindeiro 4 de decembro máis de trinta mil docentes galegas do ensino público non universitario escollerán a través do seu voto a 140 delegados e delegadas (45 pola Coruña, 27 por Lugo, 27 por Ourense e 41 por Pontevedra). Na Actualidade, a CIG-Ensino é a primeira forza sindical no sector, co apoio do 48% do profesorado e ostentando a presidencia das xuntas de persoal da provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo. Desta volta, a federación educativa da CIG aspira a anovar e ampliar este apoio, facendo un balanzo “altamente positivo” do traballo desenvolvido nos últimos catro anos.As candidaturas da CIG-Ensino incorporan a 697 docentes de todos os niveis educativos, boa parte deles “incolucrados na defensa e galeguización do ensino público, na normalización lingüística, implicados coa renovación e innovación educativa”, explican desde a federación nacionalista. Tamén contan con “persoas relevantes do ámbito cultural e comprometidas co traballo profesional e o recoñecemento da función docente”.
Un "inxente traballo" detrás
Na presentación pública das súas candidaturas, que concorren baixo o lema “Defendamos os nosos dereitos. Ensino Público Galego”, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, criticou o sistema de elección que cualificou de “inxusto, discriminatorio e antidemocrático”, por ficar a provincia como ámbito electoral. “Se a referencia fose o centro educativo, e non provincial, como acontece no ensino concertado, escolleríanse 1.586 delegados e delegadas en lugar de 140”, sostivo.
En relación a hai catro anos escolleranse seis representantes sindicais menos. Inferior en 2.044 persoas será tamén o número de electores e electoras o que en opinión de Louzao espella “o recorte e a supresión e postos de traballo” que tivo lugar desde 2010.
Logo de poñer en valor o inxente traballo realizado, marcado por un importante ritmo mobilizador, o máximo dirixente de CIG-Ensino resumiu o programa co que se presentan a estes comicios asegurando que os seus obxectivos son “conseguir outro modelo de representación máis democrático e participativo, continuar na loita contra a LOMCE até conseguir a súa derrogación, combater o desmantelamento do ensino público e acadar a restitución de todos os dereitos laborais salariais e profesionais do profesorado”.