xoves, 1 de outubro de 2015

A paixón de traducir ao galego

Prazos curtos, altas esixencias e estándares de calidade moi elevados fan do mundo da tradución unha profesión complexa pero que apaixona aos que a elixen. Unha delas é María Alonso Seisdedos, que obtivo o Premio Nacional á Mellor Tradución 2013 polo Ulises de Joyce en galego e responsábel de moitísimas traducións audiovisuais, a de Sinchan por exemplo. 

A tradutora participou este mércores na Facultade de Filoloxía e Tradución nos actos de celebración do Día Internacional da Tradución para explicar aos estudantes como se desenvolve o traballo de tradución e dobraxe. Foron precisamente os alumnos e alumnas do centro os que propuxeron o seu nome para este evento, xa que é coñecida pola dobraxe ao galego da serie de animación xaponesa Shin Chan, entre outros moitos traballos no eido audiovisual. Esta faceta compaxínaa coa tradución literaria de textos principalmente do inglés como Nocturnos, de Kazuo Ishiguro ou Chámome vermello de Orhan Pamuk.
 
A modo de entrevista e respondendo ás preguntas da profesora Liliana Valado e dos propios alumnos e alumnas, a tradutora foi aclarando todas as dúbidas sobre o proceso tradutivo dunha obra tan extensa como o Ulises e explicando as curiosidades da dobraxe das series infantís. En xeral, considera que o mundo da tradución é complexo pero tamén recoñece que o labor dos tradutores e tradutoras é tratado con “pouco respecto e consideración”. A esixencia dos tempos, o reparto dun mesmo traballo entre varios profesionais para acurtar o proceso, a falta de consideración das suxestións que fan os profesionais, etc. son algúns dos atrancos cos que se atopan os tradutores e tradutoras. Con todo, Alonso Seisdedos trasladoulles o seu amor pola profesión e recoñeceu que despois do reto de traducir a Joyce aceptaría calquera outro destas dimensións. Explicoulles que decidiu dedicarse a este mundo “porque algunhas traducións non as podía nin ler” e, despois de moitos anos na profesión, segue mantendo o costume de non ler nin ver os seus traballos “porque seguro que lle volvería cambiar cousas”. Neste sentido recoñece que contar cun prazo de entrega curto ten a súa parte positiva “porque senón seguiríamos dándolle voltas aos textos indefinidamente”.
 
O reto do Ulises
8 anos de traballo, un equipo de catro persoas e un libro de 1000 páxinas como resultado. Son só cifras, pero axudan a entender o nivel de esixencia e o volume de traballo para traducir ao galego o Ulises de Joyce. Otero Pedrayo foi pioneiro cunha tradución parcial “o que demostra que era un persoa que vivía moi ao tanto do que sucedía na literatura de fóra de Galicia”, explica Alonso. O relevo tomárono, por iniciativa de Víctor Freixanes, María Alonso Seisdedos, Eva Almazán, Xavier Queipo e Antón Vialle. Lembra Alonso Seisdedos que durante máis de sete meses traballou na tradución dez horas ao día, sete días á semana, “un traballo de tolos e para tolos” e que tratándose dun equipo de tradutores “foi un constante ir e vir de suxestións, de tomas de decisións e de establecer criterios”. E é que o texto é tan complexo que nel se poden atopar dende cantigas medievais a textos xornalísticos, dende teatro a neoloxismos e dende xogos de palabras a xergas. A tradución debe ter unha uniformidade que obriga a acordos, a pautas como determinar se se traducen ou non os nomes das rúas, ou se se empregan as unidades de medida británicas. Ese esforzo de estandarización, explicou Alonso, é xunto co traballo tipográfico, unha das partes máis delicadas do proceso. 
 
Máis de 600 capítulos de Shin Chan
Alonso Seisdedos ten traballado tamén na dobraxe de multitude de series, películas, documentais e programas infantís para a TVG dende 1986, entre eles a famosa Shin Chan. Precisamente este último traballo é o que espertou máis interese entre o alumnado, que se preguntaba como se podería manter a coherencia terminolóxica durante máis de 600 capítulos; se dobraba capítulo a capítulo ou unha temporada enteira; se traducía do xaponés directamente, etc. A autora tamén quixo facer fincapé na importancia deste tipo de dobraxes ou traducións para público infantil, “porque todos aprendemos a falar escoitando e lendo, e se os textos ou os debuxos conteñen, por exemplo, demasiados calcos do inglés, o impacto negativo nos rapaces é alto”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario