mércores, 3 de agosto de 2016

Situm: tecnoloxía punteira con ADN universitario

A empresa compostelá, gañadora da primeira edición do premio Galicia Spin-off, compite con éxito no sector de xeoposicionamento en interiores.

 En poucas ocasións unha empresa pode presumir de nacer e se desenvolver case exclusivamente co apoio da universidade. Pero este é o caso de Situm, a compañía creada hai dous anos por seis socios -tres alumnos e tres profesores- procedentes de cada unha das tres universidades galegas. Un traballo previo de investigación na Universidade de Santiago ao longo de cinco anos desembocou na creación dunha spin-off que a pesares da súa curta vida xa está a competir con éxito no mercado internacional de tecnoloxía para xeoposicionamento en interiores. O desenvolvemento dunha tecnoloxía punteira fíxolle gañar varios premios, entre eles a primeira edición do Galicia Spin-off na categoría Idea Emerxente.
Victor Alvárez, CEO de Situm, explica que os tres alumnos universitarios comezaron as súas investigacións no campo da robótica, co obxectivo de que un robot fose capaz de saber onde están as persoas e de calcular os seus movementos. A tecnoloxía existente nese momento era moi cara e complicada para instalar en edificios. Tras un traballo de investigación de cinco anos lograron desenvolver un proxecto que permitía lograr o obxectivo que buscaban sen instalar ningún dispositivo adicional e con gran precisión. “Unha vez feito o proxecto tratábase de trasladar eses algoritmos a un smartphone. É unha especie de Google Maps para interiores”, indica.
O nacemento do proxecto empresarial foi posible polo apoio financeiro de Unirisco, a sociedade de capital risco universitaria, que permitiu a posta en marcha dunha compañía que hoxe xa conta con 16 empregados fronte aos tres socios que comezaron traballando na mesma. “Sen o apoio de Unirisco non poderiamos converter en realidade o proxecto. En realidade cos ingresos que xeramos aínda non cubrimos os gastos pero estamos preto de poder lograr este obxectivo”, sinala Alvárez.
A tecnoloxía de Situm xa está presente en 23 países do mundo
Aínda que están a traballar na investigación doutros produtos, actualmente Situm situouse con éxito na tecnoloxía que fai posible os dispositivos para situarse en espazos interiores. Estas aplicacións van camiño de converterse en imprescindibles para localizar unha oficina concreta nun gran edificio, ou saber onde se deixou o coche en lugares con miles de prazas de aparcamento. A tecnoloxía de Situm atópase xa en 23 países, aínda que polo momento só se comercializou a versión de pago en tres (España, Xapón e Colombia). Espérase que moi pronto a adquiran outras empresas e institucións dunha vintena de países onde se está a probar. Entre os lugares onde xa funciona atópase o novo hospital de Lugo.
O custo que supón instalar un GPS de interiores como os que deseña Situm oscila entre os 3.000 e os 30.000 euros anuais, dependendo do uso que se vaia facer da tecnoloxía. Para iso ofrecen unha versión de proba que, entre outras cousas, permite calcular o custo que vai supoñer a implantación definitiva do sistema. Unha das empresas que confirmou a súa aposta pola tecnoloxía de Situm é Telefónica, que comercializa o software de Situm como marca propia. “Tivemos que pasar un longo proceso de avaliación e terminaron elixindo a nosa tecnoloxía fronte á doutros competidores”, indica Alvárez.
A principal competencia de Situm, nun sector aínda bastante virxe, é a empresa finlandesa IndoorAtlas, que curiosamente ten unha traxectoria moi similar á compañía galega xa que tamén naceu na universidade. Situm non esquece que a clave do seu nacemento e desenvolvemento está na investigación e actualmente entre un 80 e un 90% do gasto de persoal está dedicado a I+D, tanto para desenvolver o seu produto principal como para desenvolver outro tipo de tecnoloxías. A aposta pola investigación está no seu ADN e será a clave para seguir competindo nun sector onde só a innovación permanente pode garantir o éxito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario