xoves, 18 de agosto de 2016

Lembranza a Bóveda no 80º aniversario do seu fusilamento

DÍA DA GALIZA MÁRTIR

Diversos actos renderán homenaxe ao nacionalista asasinado polo fascismo o 17 de agosto de 1936. 

Como cada ano, con motivo do 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, múltiples actos lembrarán a figura e pensamento de Alexandre Bóveda na data do seu fusilamento. Nesta ocasión, aliás, no 80º aniversario do golpe de estado fascista. 
O primeiro terá lugar nas Escaleiras de San Francisco, en Pontevedra, onde a Marea de Pontevedra desenvolverá un acto político no que intervirán Luís Rei, edil en Pontevedra, Mar Blanco, concelleira na Estrada, Vanessa Angustia, senadora de En Marea, Xosé Manuel Beiras, membro da coordenadora de En Marea e Luís Villares, candidato de En Marea á presidencia da Xunta.
Ás 13h, na Caeira (Poio) decorrerá a homenaxe institucional por parte do Concello de Poio que contará tamén con representantes da Fundación Alexandre Bóveda, a Fundación Castelao e tamén da familia, con Amalia Bóveda (filla) e Valentín García Bóveda (neto). Ao remate terá lugar unha ofrenda floral na que intervirá Ana María Boullosa Fernández Bóveda.
Ao mediodía, por volta das 14.30h, farase entrega do Premio da Galiza Mártir á historiadora, profesora e feminista Aurora Marco pola súa traxectoria na recuperación da memoria histórica. No acto organizado no Restaurante Casa Pepe de Poio, intervirán a escritora e integrante do Consello de Administración de Sermos Galiza, Marga Romero, e María Xesús López Escudeiro.
Xa pola tarde, ás 18.30h terá lugar unha misa na Capela de San Mauro, en Pontevedra e ás 19h un acto cívico coas intervencións do xornalista Manuel Jabois, Aurora Marco e Valentín García Bóveda. Asemade terá lugar unha ofrenda floral no panteón onde repousan os restos de Bóveda.
Ao serán, contra as 20.30 pechará a xornada o tradicional acto político organizado polo BNG na Praza Curros Enríquez de Pontevedra baixo a escultura que lembra o nacionalista fusilado no que intervirán a candidata do Bloque á presidencia da Xunta, Ana Pontón e o concelleiro en Pontevedra e candidato por esta circunscrición ao Parlamento de Galiza, Luís Bará. Na ofrenda floral que pechará o acto intervirán representantes da familia e tamén da Fundación.
Ponteareas
O Concello de Ponteareas tamén renderá homenaxe esta cuarta feira aos represaliados políticos . Os actos terán lugar no Salón de Plenos da Casa Consistorial a partir das 20.30 horas coa proxección do documentario Digna Rabia e dunha ofrenda floral na rúa en lembranza a Alexandre Bóveda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario