luns, 8 de agosto de 2016

As empresas galegas precisarán preto de tres milleiros de profesionais TIC

Temos novos datos sobre a empregabilidade favorecida polo afianzamento das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e as súas posibilidades para as empresas. A información (Novos perfís profesionais dixitais nas empresas de Galicia) vén da man do Observatorio da Sociedade da Información (OSIMGA) adscrito a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). O documento achega “unha visión actualizada das oportunidades laborais vinculadas ao sector tecnolóxico e ás novas profesións que están a xurdir na era dixital en Galicia”. Segundo se fai saber no informe, o noso tecido económico precisa de máis traballadoras/es TIC.
En concreto, necesitará máis de 2.900 profesionais TIC en Galicia durante o período 2016-2018. Un 54% destes perfís dixitais serán demandados por empresas do sector tecnolóxico-dixital e o 46% restante por empresas dos restantes sectores produtivos. A empresas sinalan que xa no presente ano precisarían case a metade destes perfís, arredor de 1.400 profesionais TIC especializados nas novas tendencias dixitais, para cubrir as súas necesidades.
Segundo o estudo as empresas TIC prognostican unha maior demanda de perfís vinculados ao ámbito da mobilidade, datos masivos e intelixencia nos negocios, á xestión administrativa e comercial, computación na nube ou comercio electrónico, mentres que nas empresas non TIC predomina a demanda de perfís profesionais relacionados coa xestión administrativa e comercial, seguido en segundo plano por aqueles do eido da mobilidade, datos masivos (Big Data), ecommerce ou mercadotecnia dixital.
O informe, a maiores, reflicte que a oferta de profesionais dixitais en Galicia non está a medrar ao mesmo ritmo que a demanda, tal e como se desprende da evolución do número de matriculados en carreiras do ámbito STEM (científico, tecnolóxico, en enxeñarías e matemáticas), que pasou de 5.750 en 2010 a 5.177 en 2015 (o 9,2% do total de alumnos/ as matriculados no Sistema Universitario Galego), como do número de titulados no ámbito STEM, que pasou de 776 en 2010 a 753 en 2014.
O estudo, igualmente, pon de manifesto as dificultades que as empresas galegas experimentan á hora de encontrar profesionais TIC cos coñecementos e experiencia de interese para a súa organización. As empresas do eido tecnolóxico-dixital galego son as que maiores problemas declaran, para máis do 70% delas resulta difícil ou moi difícil atopar perfís axeitados. Os principais atrancos sinalados polas empresas á hora de encontrar o persoal TIC máis acaído son o descoñecemento en aplicacións, ferramentas e tecnoloxías de interese para a empresa; e a carencia de candidatos con experiencia na actividade sectorial que desenvolven. Ademais, a metade das empresas do Sector TIC considera que existe unha carencia de candidatos formados en Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario