Para este curso escolar que xa se achega, o curso
2016-2017, cómpre que teñamos en conta que o móbil pode sernos de
utilidade á hora de facernos cos libros de texto das nosas nenas e
nenos. De
feito, a Federación de Librarías de Galicia puxo en marcha este
verán, en colaboración coa Xunta, unha web acondicionada para
aparellos móbiles que permite que fagamos as reservas do devandito
material escolar para o vindeiro curso en calquera dos
establecementos asociados á Federación. A web en cuestión é
librarias.org/reservadelibros
e nela, as nais e pais poderán formalizar a reserva de material de
estudo dos seus fillos e sen necesidade de acudir á libraría.
Para tirarlle partido, os interesados deben acceder
á dita páxina e cumprimenta os datos persoais, así como os
relativos ao colexio e ao curso do alumno. Para facilitar a inclusión
do listado de libros de texto, incorporouse unha funcionalidade a
través da cal o usuario pode fotografar o listado, ou anexar un
arquivo. A reserva dos libros de texto está dispoñíbel para todos
os ciclos de Educación Infantil, Primaria, Especial e Secundaria
Obrigatoria dos colexios da Comunidade galega. A solicitude remítese
de forma automática á libraría a través dun correo electrónico,
e as librerías poderán enviar notificacións aos clientes con
confirmacións de dispoñibilidade de pedidos, por exemplo. A
recollida de libros si que é presencial, na libraría, agás que se
acorde coa mesma o envío ao domicilio.
Para promover este servizo de reserva en liña, os
impulsores da iniciativa acompañaron a campaña de promoción coa
posibilidade de recibiren os usuarios un premio. Así, o 30 de
setembro sortearanse 100 estancias familiares na Ribeira Sacra
durante o curso 2016-2017 entre as familias que realicen a reserva
dos libros a través desta nova aplicación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario