venres, 19 de agosto de 2016

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación incrementa os concertos un ano máis, desviando máis fondos públicos á privada e presentará recurso contencioso administrativo ante o TSXG

A Consellaría utiliza o mes de agosto para modificar os concertos educativos do curso 2016-2017 e crear 58 novas unidades concertadas

O venres 12 de agosto, a Consellaría de Educación publica no DOG unha orde pola que se modifican os concertos educativos do curso pasado. A CIG-Ensino denuncia que, mentres a Consellería continúa recortando profesorado, pechando escolas e suprimindo unidades nos centros públicos e se nega a cubrir as demandas feitas polos centros, segue a incrementar, un ano máis, o número de unidades concertadas con centros privados. No curso que vén serán 58 unidades de nova creación fronte ás só 16 que se suprimen, é dicir un incremento neto de 38 unidades, incrementando así os fondos públicos para financiar empresas privadas.
A Consellaría recorre, outro ano máis, ao mes de agosto, para facer público no DOG as modificacións dos concertos cos centros privados, co obxecto de que pasen desapercibidos ao conxunto da sociedade , por estar malgastando diñeiro público en beneficio de interese privado, cando son múltiples e abondosas as carencias do ensino público. En Educación Primaria, a orde publicada recolle a creación de 11 unidades novas, mentres só se suprimen 7, por tanto, hai incremento neto de 4 unidades concertadas máis, En Educación Especial son 6 as unidades que se incrementan, non suprimíndose ningunha. Na educación infantil créanse 4 e suprímense o mesmo número e na ESO créanse e suprímense 2. Escandaloso o caso de FP, xa que se trata dun nivel educativo non obrigatorio e a oferta de prazas é totalmente insuficiente no ensino público. Isto non é óbice para se creen 20 unidade novas nos Ciclos Medios, fronte a unha soa unidade suprimida, o que é un incremento neto de 19 ciclos concertados. Nos Ciclos de Grao Superior, son 6 as unidades suprimidas, fronte ás 15 incrementadas, é dicir, un incremento neto de 9 unidades. Entre os centros que resultan beneficiados están os que segregan alumnado en función do xénero, unha aberración regularizada a través da LOMCE e que a CIG-Ensino seguirá a denunciar, pois consideramos que é inadmisíbel, por iso no seu día presentamos recurso, recurso que gañamos, ao estimar o Tribunal Supremo que non se podían subvencionar con cargo a fondos públicos este tipo de centros. A CIG-Ensino denuncia esta política da Consellaría de Educación que, en lugar de centrar os esforzos en manter e mellorar a calidade do ensino público, dedica unha parte importante do orzamento de educación a financiar centros privados, un financiamento que se incrementa ano a ano, mentres os centros públicos teñen que aturar rateos superiores aos máximos estabelecidos, a supresión de unidades e que non se atendan as necesidades materiais e de profesorado. Ante este atropelo e as irregularidades e fraude cometido na concesión dalgúns destes concertos, a CIG-Ensino vai interpoñer recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra esta resolución da Consellaría carente de motivación e xustificación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario