venres, 12 de agosto de 2016

Dinamizando o rural

O medio rural é un espazo social, ecolóxico, económico.... Dunha gran riqueza, cun patrimonio diverso, transmisor de múltiples valores -culturais, sociais, naturais, laborais, etc- que constitúen a esencia dos pobos do noso país.
Moitos son as vetas na dinamización do rural: desde o ámbito laboral ao de coidados, pasando polo formativo, social, turístico, de lecer... A este último é ao que me referirei máis fondamente.
Dende a miña humilde opinión, acredito que o rural galego existe e ten futuro, por iso, hai que loitalo e dinamizalo, e a forma é pensando globalmente e actuando localmente:
O rural galego existe e ten futuro, por iso, hai que loitalo e dinamizalo, e a forma é pensando globalmente e actuando localmente
Desde unha humilde asociación, coa vista posta máis ou menos directamente na dinamización do rural a través do lecer, a animación pódense facer un sen fin de actividades. Por poñer un exemplo, estes días, na Pobra de Trives, a Asociación Cultural A Caniceira está artellando a oitava edición do Entroido de verán: catro días –do 11 ao 14 de agosto- nos que haberá concertos, actuacións diversas, feira de artesanía, desfile de folións, xogos tradicionais, cantos de taberna, mostra de patrimonio inmaterial... Diversas actividades plantexadas para todas as idades, para o goce de todas as persoas que se acheguen, mais tamén cun obxectivo máis ambicioso: darlle vida ao pobo (aproveitando o turismo e o bo tempo) e pór en valor os recursos propios do rural, o endóxeno, o que nos caracteriza.
Na Pobra de Trives, a Asociación Cultural A Caniceira impulsa un novo Entroido de verán: catro días –do 11 ao 14 de agosto- nos que haberá concertos, actuacións diversas, feira de artesanía, desfile de folións, xogos tradicionais, cantos de taberna, mostra de patrimonio inmaterial
Das edicións pasadas de eventos destas características tense comprobado que a valoración é moi positiva, tanto pola organización como polas persoas que acoden, o que é indicativo de que algo se está a facer ben apostando por esa liña.
Por iso, desde as administracións públicas comézanse a dar pequenos pasos nesta dirección. Así, por seguir co exemplo de Trives, desde o concello organízanse rutas teatralizadas polo pobo, para promover o coñecemento de lugares, lendas, costumes...
É esencial discriminar o urxente do importante e traballar por, para e con a xente, xa que durante décadas as políticas públicas (estatais, autonómicas...) foron desvertebrando e relegando o rural a un segundo plano
E é que volvendo ao global, o rural ten unhas características moi concretas a ter en conta (despoboamento, illamento, envellecemento poboacional, escaseza de recursos de proximidade...), polo que é esencial discriminar o urxente do importante e traballar por, para e con a xente, xa que durante décadas as políticas públicas (estatais, autonómicas...) foron desvertebrando e relegando o rural a un segundo plano, sendo esencial e prioritario loitar e deixarse a pel polo noso rural ou en poucos anos non quedará nada.
O desenvolvemento comunitario, a animación sociocultural, a investigación acción participativa... Teñen metodoloxías, vieiros e recursos dos que dispomos e podemos empregar tamén para dinamizar e pór en valor o rural galego. Non estamos falando de inventar nada novo, simplemente de trocar os referentes e as latitudes: Freire, Ander-Egg, Marchioni, Lewin.... Son nomes non ditos, pero sempre presentes, no substrato do feito e por facer nestas cuestións a traballar (ou polas que loitar).
Actividades deste tipo (socioculturais, de lecer, formativas, etc.) serven para dinamizar e valorizar unha contorna rural en regresión, o que demostra que a pesares de dispor de poucos recursos (económicos sobre todo) pódese facer moito: temos o esencial, a materia prima: as persoas.
A mobilización social, o implicar á xente desde abaixo, a través da escoita activa, da posta e traballo en común, do compromiso, é esencial para que o noso rural e os nosos pobos sigan vivos moitos anos máis.

Beatriz Gómez

Ningún comentario:

Publicar un comentario