O filólogo Matías Rodríguez da Torre e o doutor Xosé Manuel Baamonde Silva debullan a "situación de discriminación lingüística" que se vive en Galicia, herdada da represión franquista.
O artigo, titulado 'A repressão franquista na língua galega. A desfeita de uma realidade linguística, cultural e nacional', profunda na represión que viviu a lingua galega dende o golpe de Estado fascista de 1936 e analiza as reminiscencias e prexuízos sociais que se manteñen na actualidade por mor dese "proceso represivo".
"A situación sociolinguística actual é herdeira da historia e, loxicamente, do proceso represivo sufrido desde xullo de 1936, do cal aínda se conservan reminiscencias e prexuízos sociais prolongados nun idioma de certa vitalidade, mais minorizado, que teoricamente ten unha condición igualitária respecto a outras linguas europeas e se está amparado por un cadro legal aparentemente protector", explican os autores.
Para Matías Rodríguez da Torre —licencidado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela e profesor de Lingua e Literatura Galegas no Instituto de Ensino Secundário Pedra da Auga de Ponteareas— e Xosé Manuel Baamonde Silva —doutor en comunicación pola Universidade de Santiago e profesor na de Vigo—, unha das principais eivas sociolingüísticas en Galicia foi "non aprobar as Normas ortográficas e morfolóxicas ata 1982 (niso contrasta co catalán, outra lingua românica cooficial do Estado, que adoptara en 1918 os fundamentos normativos da Gramàtica catalá do filólogo Pompeu Fabra)", o cal "proba o atraso e consecuente asimilación do castelán e dialectización nos contextos de uso da lingua, o ceticismo dos falantes coa normativa escollida para o modelo padrón aínda na actualidade".
DISCRIMINACIÓN LINGÜÍSTICA
Para estes dous autores non hai dúbida de que "a situación sociolinguística galega é un caso claro de discriminación lingüística, de bilinguismo substitutivo", unha idea que toman da expresión defendida polo catedrático Moreno Cabrera no ensaio 'El nacionalismo lingüístico' (2010), no que diferenza o bilingüismo aditivo do substitutivo, o cal pretende que a lingua nova acabe substituíndo a autóctona.
Os expertos recoñecen que "a adversidade histórica do galego fixo que esta fose unha lingua case ágrafa durante un cantidade apreciábel de séculos"; situación que mudou co renacemento cultural conducido polo galeguismo desde a segunda metade do século XIX, "na procura dun modelo culto e dun recoñecemento social e legal", pero que se viu "truncado en 1936 coa ascensión fascista", a partir de cando se puxo en marcha a "maquinaria do Estado nunha estratexia represiva, concretada na imposición do castelán en sectores claves como a administración —goberno, deputacións provinciais, concellos, xustiza—; na igrexa católica, obrigatoria durante a ditadura; no ensino público e privado, e na extensión dos medios de comunicación", os cales "foron configurando unha percepción da lingua, até mesmo para os que a tiñan como inicial, de falar un dialeto, sen valor, unicamente útil para a función familiar ou local".
Isto supuxo, segundo estes autores, "a interiorización dun complexo de inferioridade inducido por todos estes factores, que asociaban o falar galego a ser inculto, ignorante e de estrato rural", promovendo a vinculación da lingua galega co atraso económico, nun momento clave de urbanización de Galicia. Foi precisamente nos núcleos urbanos onde "creceu unha sociedade castelán falante de xeracións que tiñan xa o castelán como primeira lingua e con aceptación inconsciente da presión social que levaba a abandonar a lingua galega como vehicular para trocala polo español en contextos formais e funcións de prestixio", argúen os autores.
Porén, "os últimos anos da ditadura significaron unha maior flexibilidade na censura: son un pouco máis abertos e traerán a celebración das Letras Galegas (desde 1963 conmemórase todos os anos) o nacemento de Ediciós do Castro, a nova canción galega e en galego con Voces Ceibes, o asociacionismo cultural nas cidades e, sobre todo, a fundación de organizacións políticas nacionalistas (Partido Socialista Galego e Unión do Pobo Galego) na clandestinidade, que serán pezas fundamentais na socialización do idioma, nos usos escritos" e que tomarán partido no conflito lingüístico.
Neste "ambiente máis respirábel" tamén se creou en 1965 a Cátedra de Lingua e Literatura Galegas na Universidade de Santiago de Compostela co profesor Ricardo Carvalho Calero á cabeza e, en 1968, o Instituto da Lingua Galega, ademais de "iniciarse unha campaña reivindicativa a favor da corrección dos topónimos orixinais en galego e a demanda dun ensino en lingua galega, teoricamente permitido pola lei xeral de educación de 1970 no ensino primario, mais sen docencia efectiva ata o ano letivo de 1979/1980", describen os profesores.
Xa coa chegada da democracia e a aprobación da Constitución española de 1978, o galego foi recoñecido por primeira vez na súa historia como lingua cooficial. Despois, o Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981 fixouno como lingua propia e cooficial e, posteriormente, a Lei de normalización lingüística de 1983 e a Carta europea das lingua rexionais e minoritarias contribuíron a "legalizar a situación administrativa" da lingua propia de Galicia.
Non entanto, o confito lingüístico non desapareceu e o proceso diglósico continuou, "cunha diminución continua de falantes do galego que avanza imparábel", como así o demostran os datos do Instituto Galego de Estatística: no período comprendido entre 2001 e 2011, "as persoas que din falar «sempre» galego caeron trece puntos e xa non son maioría", apuntan os autores.
"Na anterior sondaxe dese Instituto, o 57% da poboación do país tiña o galego como lingua de uso cotián, mentres o 30% declaraba empregalo «ás veces» e 13%, «nunca». Unha década despois, os falantes habituais de galego pasan de aproximarse aos 60% a non atinxiren nin o 45%. Concretamente, os que usan «sempre» o idioma propio de Galicia son o 44% do total, mentres é falado «ás veces» polo 45% da poboación e «nunca» polo 11%", aportan Rodríguez e Baamonde, quen consideran que esta situación foi alimentada polo actual goberno autonómico do PP, presidido por Alberto Núñez Feijóo, co seu decreto do plurilingüismo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario