xoves, 25 de agosto de 2016

O 45% dos alumnos do Programa Integrado de Emprego en Ourense atopan traballo

O alcalde destaca que este proxecto, que formou 70 persoas, contará cunha segunda edición

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou este mércores que un 45 por cento dos alumnos do Programa Integrado de Emprego posto en marcha polo Concello de Ourense en colaboración coa Xunta "atoparon un emprego" este ano.
Así sinalouno durante a entrega de diplomas aos alumnos da primeira edición deste proxecto, nun acto que tivo lugar no salón de plenos do Concello e que contou coa presenza do alcalde ourensano, Jesús Vázquez, que destacou a necesidade de "buscar un equilibrio" entre as demandas das empresas e os programas de formación.
Dende o pasado mes de setembro 70 persoas desempregadas e inscritas como demandanes de emprego participaron nos Programas Integrados para o Emprego, un proxecto da consellería de Economía, Emprego e Industria, realizado en colaboración co Concello de Ourense.
Trátase dun programa que ofreceu formación en distintas áreas --mercadotecnia e publicidade, relacións públicas, persoal de seguridade ou cociña creativa-- coa intención de que os alumnos atopen un posto de traballo en áreas e sectores económicos con importante presenza na cidade.
A duración dos cursos variou entre as 480 e as 200 horas nas que, ademais de formación específica, se orientou aos alumnos para aprender estratexias para a busca activa de emprego de forma individualizada e faise un seguimento da súa inserción no mercado laboral.
A secretaria xeral de Emprego, destacou a importancia dunha iniciativa que ofrece aos seus alumnos "unha cualificación adaptada á demanda do mercado laboral", e que supuxo que un 45% dos seus alumnos atopara traballo en Ourense.
Para Covadonga Toca, foi fundamental a "cooperación entre administracións" para a posta en marcha deste taller de emprego que forma parte da "Axenda 20 para o Empleo, a folla de ruta do executivo galego para impulsar a formación, capacitación e especialización dos traballadores galegos".
Ante os alumnos que recolleron o seu diploma en Ourense Toca confirmou a "obriga" da administración autonómica por "dar asesoramento" e "seguir formando" as persoas que buscan un traballo.
O PROXECTO TERÁ UNHA SEGUNDA EDICIÓN
Pola súa banda, o alcalde ourensano felicitouse porque 32 dos 70 alumnos que participaron nesta experiencia "están a traballar nestes momentos" e anunciou que "o ano que vén" a cidade contará cunha segunda edición deste proxecto formativo incluído no programa Ourense Innovación.
Vázquez destacou "a importancia" desta "inserción laboral" e apostou por "adquirir competencias" para atopar un posto de traballo nun mercado laboral difícil.
Para Vázquez, unha das responsabilidades dos organizadores do Programa Integrado de Emprego é "escoitar as demandas das empresas" e "ofertar unha formación acorde con esas demandas".

Ningún comentario:

Publicar un comentario