O Centro Demostrador TIC (CDTIC),
promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
(AMTEGA), ten como meta expoñer a oferta de produtos tecnolóxicos
ás empresas doutros sectores produtivos dentro do tecido empresarial
galego. No que vai de ano, AMTEGA leva organizadas 54 actividades
(sesións demostradoras, seminarios de formación e encontros) para
achegar as TIC a PEME e autónomos. Máis de 260 empresas
participaron no programa formativo do CDTC ao que asistiron 1.200
persoas (207 a través da videoconferencia das aulas CeMIT e 326 vía
streaming).
Polo que atinxe ao que está por vir, o CDTIC está xa a preparar
outras actividades que vai organizar no segundo semestre do ano. Máis
polo miúdo, até o de agora hai catro eventos pechados entre
setembro e primeiros de outubro.
Así, o día 13 do vindeiro mes
de setembro retómanse os seminarios de formación coa actividade
Atrae
visitantes e convérteos en clientes co inbound marketing,
que se celebrará na aula CeMIT de Ourense de 16 a 20 horas. A semana
seguinte, o 19 de setembro, terá lugar unha nova sesión formativa,
na aula CeMIT de Lugo, e leva por título Sácalles
partido ás redes sociais para impulsar o teu negocio.
O 29 de setembro, unha nova edición da sesión demostradora Xestión
práctica dunha empresa de distribución alimentaria con Odoo,
que chegará á aula CeMIT da Coruña. Xa no mes de outubro, o día
6, haberá unha sesión demostradora nas instalacións do CDTIC de
Santiago: Controla
os prezos dos teus competidores en tempo real con Boardfy.
Engadir que o CDTIC quer chegar
ao maior número de usuarios posíbeis e para iso contará coa
colaboración das principais aulas CeMIT de cada provincia, que
retransmitirán as actividades a través do sistema de
videoconferencia da rede. Así, as aulas da Coruña (Centro Cívico
de Eirís), Lugo (O Castiñeiro) ou Ourense (La Molinera) serán o
escenario dalgunhas das xornadas previstas.
Alén destas actividades, outro
dos servizos cos que conta o Centro Demostrador e que cómpre
salientar é o CDTIC Virtual, no que empresas, organizacións e
persoas usuarias poden probar e avaliar distintas aplicacións en
software libre a través dun servizo na nube nunha contorna privada,
sen necesidade de dispor de recursos informáticos propios ou persoal
con coñecementos avanzados de sistemas.
Arestora, as solucións
dispoñíbeis son Xeshostal (software para a xestión hoteleira);
Owncloud (servizo para partillar arquivos na nube); Odoo (ERP para a
xestión integral dunha empresa); así como CiviCRM (software de
xestión de relacións con clientes (CRM) encamiñado ao seu uso por
parte de organizacións que traballan no eido social).
Aquelas persoas interesadas en
solicitar a avaliación dunha das aplicacións dispoñíbeis non
teñen máis que rexistrarse como profesionais ou empresas na web do
CDTIC e logo solicitar a aplicación (ou aplicacións) que lles
interesen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario