A informática será un dos piares dos obradoiros
formativos para persoas maiores que prepara a Deputación de
Pontevedra para este mes de setembro. Estamos
a falar das actividades do programa Depo en Marcha, impulsado polo
Servizo de Cohesión Social e Xuventude da institución pontevedresa
co obxectivo de favorecer o envellecemento activo e mellorar a
calidade de vida das persoas maiores da provincia. Nos primeiros días
de setembro comezan 20 obradoiros en 13 concellos, tres deles ligados
directamente ás novas tecnoloxías, as súas utilidades e vantaxes.
En total, até o remate de ano desenvolveranse 160 talleres, dos que
se benefician asociacións de maiores, pensionistas e xubilados da
provincia que participaron nesta convocatoria.
En Vigo, a Asociación Nosa Terra de Alcabre dá
comezo ao obradoiro Manexo da ansiedade e do estres a
Asociación Nevox inicia un taller de ioga; a Asociación de Veciños
de Coruxo comeza un obradoiro de Manualidades variadas; e a
Asociación de Veciños de San Roque o taller de Ximnasia de
Mantemento. No municipio de Pontevedra, a Asociación Chan do
Monte abre un curso de pilates; a Agrupación de Pensionistas e
Xubilados de CCOO comeza Plantas Medicinais; e no Centro
Sociocomunitario de Pontevedra impartirase Zumba.
En Silleda darán comezo dous obradoiros, a
asociación de Cortegada-Avecuco inicia Ximnasia de mantemento,
mentres que a asociación de Laro comeza con Xogos Tradicionais.
A Agrupación Xunco de Salceda de Caselas imparte un taller de
Conservas Artesanais, a Asociación Peñaflor de Barro realiza
Pandeireta e Canto Popular, a Asociación Adapta de Ponteareas
fará un curso de Informática avanzada e a Asociación de
Veciños O Cabalo de Pazos de Borbén inicia Arte Floral.
A Asociación de Veciños de Soutoxuste Eixo en
Redondela abre o taller de Informática iniciación, a
Asociación San Martiño de Borreiros de Gondomar comeza tamén
Informática iniciación, na Estrada a Asociación de Veciños
da parroquia de Orazo fará un curso de zumba, a Asociación de
Prexubilados e Xubilados de Viascón en Cotobade inicia Ximnasia
de Mantemento e en Nigrán a Asociación Parada do Miñor de
Nigrán abre o curso de pilates. En Mos comezan dous obradoiros, a
Asociación de Veciños de Dornelas con Ioga e a Asociación
de Guizán con Ximnasia de Mantemento.
Os obradoiros que se desenvolven agrúpanse en oito
bloques temáticos, que tentan aproximar ás persoas maiores a
diversos campos como a natureza, a cociña, o deporte ou as novas
tecnoloxías. En concreto, os bloques son: Traballando coas Mans,
Entre Fogóns, Aprendendo da Natureza, Móvete, Activando Corpo e
Mente, Dálle Marcha, Enredando e En Rede.
Ningún comentario:
Publicar un comentario