A nova web da Toponimia de Galicia multiplicará por 34 o número de nomes de lugar.
Cada recuncho de Galicia ten o seu nome propio. A comunidade galega conta con case a cuarta parte de todos os topónimos que existen en España e 5.000 máis que todos os de Portugal. Co fin de preservar esta riqueza de topónimos e evitar a desaparición destes vocábulos transmitidos de xeración en xeración, a Xunta renovará a web Toponomia de Galicia cunha gran base de datos e a actualización do Noménclator actual, vixente desde 2003, que rexistra 38.000 entidades de poboación.O obxectivo destas actuacións é elaborar un novo Nomenclátor corrixido e actualizado que sexa fonte única de información oficial e normalizada para todas as Administracións e para cartografía de Galicia, evitando duplicidades, así como divulgar este documento xeorreferenciado entre organismos públicos (locais, autonómicos e estatais), empresa privada e público en xeral. A introdución das coordenadas xeográficas de cada topónimo para localizalo a través das novas ferramentas TIC permitirá o seu uso en aplicacións de uso habitual na actualidade como navegadores de vehículos ou buscadores de enderezos.
Galicia ten a cuarta parte de todos os topónimos de EspañaPor outra banda, a renovada web do Proxecto Toponimia de Galicia contará con contidos divulgativos destinados a difundir o valor, riqueza e singularidade dos topónimos galegos, protexidos pola Lei de normalización lingüística e recoñecidos como parte do noso patrimonio inmaterial pola Lei para a salvagarda do patrimonio inmaterial do Estado español e pola Lei de patrimonio cultural de Galicia.
Así mesmo, a medio e longo prazo, procurarase a colaboración de asociacións e particulares na recompilación e xeolocalización da microtoponimia, é dicir, a toponimia referente ás entidades xeográficas distintas dos núcleos de poboación, tales como terras de cultivo, cursos de auga, outeiros e montes.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou que o Proxecto Toponimia leva xa máis de 15 anos de andaina, no que toda a Xunta está implicada nel, e destacouno coma un proxecto de gran importancia cultural e histórica, que contribúe á recuperación dunha parte tan rica do noso patrimonio, coma é a toponimia.
O proxecto é unha iniciativa aberta á colaboración da cidadaníaRueda incidiu que este proxecto é unha iniciativa aberta á cidadanía, no que pode colaborar, xa que cando estea lista a nova aplicación poderán facer as súas achegas e enriquecer aínda máis as bases de datos, dispoñible para PC, tableta e smartphone, que permite así a recollida e xeorreferenciación da microtoponimia galega.
O secretario xeral de Política Lingüística salientou a colaboración decisiva do seu departamento na recuperación e fixación dos topónimos na súa forma lingüística, en estreita colaboración coa Real Academia Galega. Así mesmo, sinalou que hai que protexer e difundir este tesouro cultural.
Pola súa parte a directora da Amtega, Mar Pereira, enmarcou esta iniciativa nas medidas da Axenda Dixital de Galicia 2020 para dixitalizar o patrimonio cultural material e inmaterial da Comunidade e destacou que a tecnoloxía nos ofrece solucións avanzadas para preservar o noso patrimonio e para facelo universal e accesible a todo o mundo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario