A Deputación
de Pontevedra quixo celebrar este 12 de agosto o Día Internacional
da Xuventude (convocatoria mundial da ONU). Segundo fixo saber a
presidenta da entidade provincial, “o obxectivo é promover unha
xuventude participativa, comprometida coa sociedade e co benestar
colectivo, coa educación, co emprego, coa saúde e co medio
ambiente”. Silva lembrou que a Deputación ten arestora un servizo
específico de xuventude, ao que se destinan 4,1 millóns de euros
no 2016. Como actividade principal da celebración, a institución
festexou a xornada cunha xeira colectiva de selfies e
fotografías “co fondos e marcos creados para a ocasión”.
A través da iniciativa, que ten por obxectivo
“fomentar a participación das mozas e mozos da provincia”,
divulgaranse as imaxes obtidas nas redes sociais. En concreto, máis
de 150 mozas e mozos participantes nas actividades de DepoRúarte da
Deputación xa están a subir as imaxes dende primeira hora da mañá
a través das etiquetas #diadaxuventude, #deporuarte e #depoaventura.
Carmela Silva lembrou ademais os programas que a
institución provincial está a levar a cabo desde as áreas de
xuventude e emprego centrados nas mozas e mozos da provincia. Así, a
presidenta provincial falou do programa DepoRúarte (que está a
artellar en 52 concellos de menos de 50.000 habitantes espazos de
lecer alternativos e innovadores para a xuventude, con actividades
educativas saudábeis e modernas) ou da iniciativa En Ruta coa Depo
(23 roteiros que inclúen, entre outras cousas, surf, kaiak, visitas
guiadas pola Ría de Vigo, O Morrazo ou O Grove).
Tamén lembrou a importancia para a mocidade de
programas como SmartPEME, a nova andaina da rede CPAE 2.0 (o
Centro Provincial de Asesoramento Empresarial, iniciativa constituída
por seis centros atendidos por técnicos especializados en novas
tecnoloxías e con sedes en Lalín, Cambados, Vigo, Pontevedra,
Ponteareas e Porriño).
Ningún comentario:
Publicar un comentario