xoves, 4 de agosto de 2016

A rutina que afoga o rural galego: nova baixada dos prezos do leite

Galiza encadea seis meses seguidos de caída no prezo que se lle paga ao produtor. En xuño, o importe medio caeu por baixo dos 27 céntimos o litro, algo que só aconteceu no noso país.

O prezo ao que se lle paga o leite aos gandeiros galegos volveu baixar en xuño, nunha dinámica que semella non ter fin. Con esta caída, Galiza encadea os seis primeiros meses de 2016 indo de baixada en baixada de prezos. O informe que vén de facer público o Fondo español de garantía agraria (Fega) correspondente ao mes de xuño reflicte unha nova caída no que se paga polo leite no noso país: o prezo medio está en 26,9 céntimos (28,8 no Estado). Galiza é onde menos se lle paga ao produtor polo leite mentres que no outro extremo, o mellor pago na Península, está Canarias (44,8) e Euskadi, con 34,2 céntimos o litro.
En xaneiro había 9.078 explotacións galegas con entrega de leite. En xuño, 8.806, o que supón 272 menos.
O prezo medio baixa en Galiza dos 27 céntimos, o único territorio de todo o Estado español que padece esta cotización tan reducida. O seguinte en ter prezos tan baixos en xuño foi Cantabria, con 27,7 céntimos por litro. En Asturies pagouse a máis de 31 céntimos, en Castela-León a 29,3 e en Catalunya a 29,4; mentres que en Andalucía superouse os 31,5 céntimos o litro.
Os produtores galegos comezaron o 2016 cobrando unha media de 28,8 céntimos polo litro de leite. Un prezo por baixo dos cutos de produción e que mantén coa soga ao pescozo a un bo número de granxas galegas. E este é o prezo medio, pois hai miles de explotacións onde se paga por baixo desa media. En febreiro o prezo era de 28,5, pasando a ser de 28,2 en marzo e en abrilbaixar dos 28 céntimos (27,9). En Maio foi de 27,3 e en xuño xa baixa dos 27 céntimos.
Menos granxas
En xaneiro había 9.078 explotacións galegas con entrega de leite, dun total de 16.341 que había en todo o Estado. En xuño a cifra é de 8.806 granxas, o que supón 272 menos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario