José Luis Mascareñas, director do Ciqus, alerta do perigo de que os políticos só pensan a curto prazo.
Ao investigador e actual director do Ciqus José Luis Mascareñas gústalle falar claro e non ten problema en sinalar cales son os defectos que ve ao seu redor, ao mesmo tempo que se mostra orgulloso das investigacións que se levan a cabo neste centro. Considera que hai que rachar mitos no mundo de I+D e apostar especialmente polas investigacións que xeran novo coñecemento, aínda que a súa aplicación práctica tarde tempo en concretarse. Rexeita as políticas de curto prazo que se practican no terreo da investigación e subliña o reto persoal que lle supuxo apostar por dirixir o Ciqus e seguir adiante dende Galicia cun grupo de investigación co que acadou unha axuda Advanced Grant, do European Research Council, cunha dotación de preto dos 2,5 millóns de euros.-O Ciqus ten seis anos de vida e vostede leva dous á fronte do mesmo. Que obxectivos se acadaron neste tempo?
-Neste tempo o avance principal foi que se estableceu de xeito definitivo o modelo de funcionamento do centro. Os investigadores que traballan aquí son avaliados cada ano por un comité externo formado por profesionais de gran prestixio. As avaliacións que se fan teñen consecuencias, de feito na última que fixemos houbo tres grupos de investigación que tiveron que abandonar o centro, o que é algo raro na universidade española. Ademais, a nosa produtividade científica é moi boa e conseguimos mellorar a captación de recursos ao obter seis millóns de euros para financiar un total de 31 investigadores, o que é unha cantidade moi superior á media que existe en España. No que se refire á formación de estudantes, temos tamén moi bo rendemento xa que estamos a atraer a estudantes e investigadores ao centro. No apartado de transferencia xa temos algunha spin-off que saíu do Ciqus, aínda que quizais é un dos aspectos nos que hai que mellorar. A labor da universidade vai moito máis alá de dar clases, tamén hai que xerar e transmitir coñecemento.
‘O que tanto custou facer pode destruírse en pouco tempo, e os políticos son responsables’-Un dos obxectivos fundacionais do Ciqus é converterse nun centro de referencia internacional. Avanzaron nesta tarefa?
-O que te leva a te converter nun centro de referencia e contar cun maior prestixio científico. Isto se consegue cos nosos investigadores principais que cada vez son máis solicitados. Hai máis xente interesada en visitarnos e algúns deles tamén en incorporarse ao centro. Actualmente temos dúas Starting Grants e una Advanced Grant, o que supón contar cun terzo das que existen en Galicia. Son recoñecementos moi difíciles de acadar e supón moito diñeiro para destinar á investigación.
-Pode citarnos algunha investigación especialmente importante que se desenvolva no Ciqus actualmente?
-A investigación máis práctica é aquela que supón novo coñecemento. Os políticos e a sociedade en xeral pensan que só ten a valor o que ten unha aplicación inmediata pero están moi equivocados. As investigacións que xeran coñecemento adoitan ser máis lentas pero son as que poden xerar máis valor social e rendemento económico. Nós somos un centro multidisciplinar e temos moitas investigacións en marcha que se atopan entre a Química e a Bioloxía. Por exemplo, estamos a investigar para desenvolver sustancias moleculares que poidan alterar, de xeito programable, o comportamento celular e biolóxico. Entre as recentes incorporacións ao centro atópase un físico que traballa en Nanobioloxía e que investigaba en Alemaña. Tiña ofertas doutros lugares e escolleu o Ciqus. Isto é un exemplo do que intentamos conseguir. Actualmente temos 31 investigadores principais no centro, catro ou cinco do programa Ramón y Cajal e, no que se refire a formación, temos un programa de Masters para facer teses, ademais de bolseiros de verán e post-doutourales. Somos unhas 200 persoas no centro e estamos a crear emprego e riqueza na cidade.
-A vinculación entre a universidade e as empresas é unha das cousas que nunca terminan de axustarse. Como funciona o Ciqus neste campo?
-Temos unha oficina de transferencia de tecnoloxía que é a encargada de ver as posibilidades de obter patentes cos nosos avances. A verdade é que necesitaríamos a máis persoas traballando nisto, teríamos que reforzalo. Hai grupos de investigación que teñen conexión con empresas, por exemplo temos un grupo relacionado con Inditex. Temos contratos con empresas farmacéuticas para realizar investigacións aínda que eu son moi precavido no que se refire á relación coas empresas porque non podemos converternos en man de obra barata para elas. A xente que temos aquí ten que dedicarse a xerar coñecemento e non a traballar para as empresas. Ademais, temos unha spin-off que saíu de aquí, MD USE, e hai outras empresas que están dirixidas por xente que saíu do Ciqus.
‘Os países que invisten en I+D superan mellor as crises; aquí non se fai’-A nivel persoal, vostede recibiu unha Advanced Grant e seguramente tivo moitas oportunidades para sair de Galicia. Por que decidiu quedarse?
-Xa antes da Advanced Grant tiven algunhas ofertas pero non as aceptei por razóns familiares. Despois tamén houbo ofertas pero decidín aceptar o reto de facer investigación dende un lugar coma Galicia porque a dificultade é tamén un reto interesante. Facer as cousas dende aquí partindo de cero e moi difícil pero demostramos que se pode facer. O meu obxectivo inicial era dirixir eu mesmo o grupo de investigación pero tiven certa presión para aceptar a dirección do Ciqus e finalmente aquí estou, aínda que me leva moito tempo e non me deixa dedicarme todo o que quero á investigación.
-Os orzamentos destinados á investigación sempre parecen pequenos. Considera que no Ciqus hai recursos suficientes ou se necesitan máis?
-É unha cousa coñecida que os países que máis invisten en I+D son os que mellor superan as etapas de crise e son os que teñen unha sociedade do benestar estable. Aquí non se fai isto porque a nivel político só interesa o curto prazo. O problema é que o que tanto custou facer… pode destruírse en pouco tempo mentres os políticos son responsábeis e marchan ‘de rositas’. É fundamental a inversión en I+D e facela ben porque o certo e que segue sen ser unha prioridade e está totalmente dominada pola política. Non vexo que a cuestión estea no debate político por parte de ningún partido. Estamos perdendo moito talento que se vai fóra e as solucións pasan pola reforma da universidade para permitir captar talento e por facer un investimento eficiente dos recurso en I+D. Hai que xerar condicións para crear emprego e niso a inversión en I+D e a educación de calidade son dúas pezas fundamentais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario