O médico que non é doutor
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña (Baiona, 1962), é licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago, onde elaborou unha tese de licenciatura sobre o emprego da resonancia magnética na patoloxía orbitaria, baseada nun traballo de campo que realizou no hospital de Conxo, o único que entón contaba con esa tecnoloxía. Pero Almuiña non é doutor. Exerceu de médico uns anos en Vigo e Segovia ao comezo da súa carreira. E iniciou unha tese de doutoramento na Universidad de Alcalá de Henares baixo o título Estudio del intervalo síntoma soporte en las urgencias hospitalarias de la provincia de Segovia. Factores que lo modifican y valor pronóstico, dirixida por Melchor Álvarez de Mon Soto, catedrático de Medicina en Madrid pero orixinario de Neda. Porén, non a rematou. “O traballo xa non mo permitiu”, lembra agora Almuiña, quen a finais dos 90 volveu a Vigo para desempeñar distintos postos de xestión sanitaria, interese que xa se percibía na temática da su tese. “Sempre me interesou a xestión, porque con ela non só melloras o teu traballo senón tamén o dos demais”, di Almuiña.A tese esquerdista de Román Rodríguez
Román Rodríguez (Lalín, 1968), conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, é doutor en Xeografía pola Universidade de Santiago (USC). A súa tese de doutoramento, As vilas do interior de Galicia. Estudio de Xeografía urbana (1996), obtivo un sobresaliente cum laude. Estivo dirixida por Rubén Lois, catedrático de Análise Xeográfica Rexional e director xeral de Turismo do BNG durante o bipartito. Pero o director non é o máis esquerdista e nacionalista que hai na tese do agora conselleiro do PP. Ademais de cargar contra os promotores e o libre mercado inmobiliario, na súa bibliografía son abundantes as referencias a obras do agora líder de Anova Xosé Manuel Beiras, dos socialistas Fernando González Laxe e Ceferino Díaz ou do exconselleiro do tripartito Pablo González Mariñas. O agora conselleiro rise cando se lle fai ver ese aparente esquerdismo e xustifica que “os procesos territoriais teñen unhas lecturas teóricas, e eu avalío a cuestión desde varias perspectivas, desde dúas correntes que en certa medida se poden asimilar ás dúas correntes políticas, pero é unha simplificación”. O que si defende Rodríguez e o galeguismo da súa tese: “Foi a primeira que se fixo en galego na área de Xeografía da facultade”.“O proceso construtivo estivo controlado polos intereses especuladores de promotores e construtores que buscan acadar as máis altas taxas de beneficio económico da súa actividade"A tese de Román Rodríguez non está dispoñible na rede, pero pode ser consultada en microfilme na biblioteca de Xeografía e Historia, ademais de na biblioteca central da USC. Rodríguez describe nela o proceso de urbanización das vilas cabeceiras de comarca do interior de Galicia entre 1960 e 1990 para concluír sobre elas: “O proceso construtivo estivo controlado polos intereses especuladores de promotores e construtores que buscan acadar as máis altas taxas de beneficio económico da súa actividade, poñendo en marcha unha serie de actuacións urbanísticas descabeladas [sic] que dan como resultado a formación dunhas paisaxes urbanas desartelladas e caóticas. Neste proceso a administración local, competente en materia de planificación urbanística, lávase as mans e deixa actuar impunemente ós empresarios do sector debido, tanto á conciencia popular existente de que o crecemento edificativo a ultranza é simbolo de progreso e modernidade, como á reducida capacidade de xestón que tiñan especialmente nos primeiros anos do proceso que van a ser, ademais, nos que se levan a cabo as maiores desfeitas edificativas”. O resultado, di Rodríguez, son “paisaxes e estruturas urbanas disfuncionais”, degradación paulatina de sectores tradicionais das vilas”, “sobre elevación en altura”, falta de mantemento de espazos verdes e “deficiente calidade arquitectónica”, características que resume como “espazos apersoais e de nulo valor simbólico”. Para chegar a esas conclusións, Rodríguez analiza a evolución de cada vila cabeceira de comarca do interior como ponte entre as cidades e o rural. O agora titular de Cultura cre que a súa tese aguantou ben o paso do tempo porque se confirmou a consolidación como referentes desas vilas cabeceira de comarca cuxo crecemento analizara. “As liñas xerais que se marcaron acabaron afondándose”, di.
No seu traballo, Rodríguez debulla como no desarrollismo franquista “pasan a funcionar como pequenos focos inmigratorios, recibindo poboación exterior tanto para acceder ós postos laborais non agrarios que se ofertan, como por ser escollidos como lugares nos que os emigrantes pasan a fixar a súa residencia tralo retorno”. Uns emigrantes retornados en cuxos investimentos sitúa Rodríguez unha parte do problema urbanístico das vilas do interior. Outras das causas foron, di, a falta de normativa urbanística nos primeiros anos do período que analiza e uns “responsables municipais cómplices” nos últimos anos (a crítica máis próxima no tempo diríxea a Ordes entre 1987 e 1990). Pero con quen máis duro se amosa o autor é cos promotores inmobiliarios, aos que mesmo cita con nomes e apelidos, como Ramón Lareo, “coñecido como O Roque”, na súa propia vila natal, Lalín, ou Manuel Prado Moure, en Ordes. Para o agora conselleiro, de todas as vilas que analizou é O Carballiño “un dos máis claros exemplos, quizais o mellor, de especulación, desestruturación morfolóxica e caos urbanístico”.
Sobre aquela época na que coñeceu en profundidade a Galicia interior –“o primeiro debate electoral entre González e Aznar colleume facendo noite na Fonsagrada”, lembra–, Rodríguez garda recordos de todo tipo, pero especialmente o momento en que tivo nas súas mans o resultado final, o volume impreso froito dun esforzo que tivo que compaxinar coa docencia e co seu nomeamento como xerente comarcal.
Os mexillóns redescubertos de Rosa Quintana
Rosa Quintana (Venezuela, 1959), conselleira do Mar, comezou a traballar como funcionaria na daquela Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura en 1987, o mesmo ano en que defendeu na USC a súa tese doutoral en Bioloxía baixo o título Contribución al conocimiento del desarrollo gonadal del mejillón gallego cultivado, dirixida por Francisco López Capont. Naquela época as dúas notas posibles eran apta ou non apta, e ela o foi coa cualificación a maiores de cum laude.Os datos da súa tese, di Quintana, “son perfectamente utilizables a día de hoxe”Quintana abordou a súa tese nun momento de grande crecemento do cultivo do mexillón en Galicia, que pasara das 175.000 toneladas con 3.134 bateas de 1975 ás 250.000 toneladas con 3.339 bateas de 1986, cifras xa similares ás actuais. A agora conselleira analizara mostras de moluscos tomadas en dous puntos da ría de Arousa, un máis próximo á costa e outro á bocana, e da ría de Ares. A comparación permitiulle establecer que mentres as condicións de temperatura e chuvia eran similares, en Arousa existían máis aportes terrestres e, malia a proliferación de bateas, esa ría tiña “inmellorables condicións para o cultivo desta especie”. O seu estudo analizou as diferencias entre as fases das gónadas dos moluscos para, como explica agora, “poder buscar mellor a época de colocar os colectores para a semente”. Segundo di, o seu traballo segue “plenamente en vigor” e os seus datos “son perfectamente utilizables a día de hoxe”. Quintana di saber doutros traballos que seguiron afondando na súa liña de investigación, tanto no mexillón como noutros moluscos, pero asegura que o seu foi “un antes e un despois para o estudo do mexillón”.
“Foi unha época moi bonita, moi ilusionante, na que todo custaba moito”, di, e lembra “consumir mexillóns crus na propia batea porque chegaba a hora de comer e non había posibilidade de ir a outro sitio”. “Non foi duro, a veces abúrreste, pero sempre é ilusionante, como descubrir novos patóxenos que non foran detectados en augas de Galicia”.
A bondade do libre comercio para México
Moito antes de ter que negociar carga de traballo para os estaleiros galegos en México, Francisco Conde (Monforte, 1968), conselleiro de Economía, Emprego e Industria, xa estaba interesado por aquel país norteamericano. Conde é doutor en Economía pola Universidad Complutense de Madrid cunha tese baixo o título El NAFTA:Un proceso de integración económica norte-sur (1995), que sacou un sobresaliente cum laude e foi dirixida pola profesora Sara González Fernández, catedrática Jean Monnet de Integración Económica Europea. No seu estudo sobre o Tratado de Libre Comercio de América do Norte (NAFTA nas súas siglas en inglés), Conde chega a 14 conclusións, a última das cales é que “a pesar de estar formado por países con grandes diferenzas no seu entorno económico e social, pode favorecer unha mellor inserción internacional non só de Estados Unidos e Canadá, senón tamén de México”.“Tras o fracaso do modelo de substitución de importacións, a integración económica amósase como a única vía para a inserción económica internacional de países en vías de desenvolvemento, como é o caso de México”Fronte á prolixidade descritiva da tese de Román Rodríguez e os descubrimentos de Rosa Quintana, a do seu compañeiro de Goberno Francisco Conde é máis teórica, cunha extensa bibliografía na que hai sitio para un par de referencias de Paul Krugman, un dos economistas máis críticos co neoliberalismo. Conde comeza analizando como o comercio mundial está caracterizado por dúas tendencias: as medidas de carácter multilateral e as de integración económica rexional, que considera complementarias. Segundo di, “tras o fracaso do modelo de substitución de importacións, a integración económica amósase como a única vía para a inserción económica internacional de países en vías de desenvolvemento, como é o caso de México”, integración ao seu ver non só beneficiosa por razóns económicas senón tamén políticas e sociais.
Segundo os estudos que recolle Conde, o PIB dos tres países crecerá máis grazas ao NAFTA non tanto pola eliminación das barreiras arancelarias como polas non arancelarias. E malia que recoñece a gran dependencia da economía de México con respecto da dos Estados Unidos, di que “o carácter asimétrico das tres economías non suporá un escollo no desenvolvemento do proceso integrador tanto en cantos se introduciron unha serie de medidas que corrixen os problemas de axuste sectorial e/ou rexional”.
Vinte anos despois daquela tese, Conde lembra que o NAFTA supuña “a primeira vez que se propoñía un acordo de libre comercio entre un país en desenvolvemento con países que xa contaban cun crecemento consolidado”. O agora conselleiro centrara os seus estudos na economía internacional e fixera unha estancia na Comisión Europea antes de embarcarse na análise, que ao seu ver “puxo en evidencia a viabilidade deste proceso na medida na que os países integrantes do acordo identifiquen complementariedades e obxectivos comúns”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario