venres, 26 de agosto de 2016

A Deputación de Ponvevedra prepara obradoiros TIC para maiores ao abeiro do programa Depo en Marcha

A informática será un dos piares dos obradoiros formativos para persoas maiores que prepara a Deputación de Pontevedra para este mes de setembro. Estamos a falar das actividades do programa Depo en Marcha, impulsado polo Servizo de Cohesión Social e Xuventude da institución pontevedresa co obxectivo de favorecer o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores da provincia. Nos primeiros días de setembro comezan 20 obradoiros en 13 concellos, tres deles ligados directamente ás novas tecnoloxías, as súas utilidades e vantaxes. En total, até o remate de ano desenvolveranse 160 talleres, dos que se benefician asociacións de maiores, pensionistas e xubilados da provincia que participaron nesta convocatoria.
En Vigo, a Asociación Nosa Terra de Alcabre dá comezo ao obradoiro Manexo da ansiedade e do estres a Asociación Nevox inicia un taller de ioga; a Asociación de Veciños de Coruxo comeza un obradoiro de Manualidades variadas; e a Asociación de Veciños de San Roque o taller de Ximnasia de Mantemento. No municipio de Pontevedra, a Asociación Chan do Monte abre un curso de pilates; a Agrupación de Pensionistas e Xubilados de CCOO comeza Plantas Medicinais; e no Centro Sociocomunitario de Pontevedra impartirase Zumba.
En Silleda darán comezo dous obradoiros, a asociación de Cortegada-Avecuco inicia Ximnasia de mantemento, mentres que a asociación de Laro comeza con Xogos Tradicionais. A Agrupación Xunco de Salceda de Caselas imparte un taller de Conservas Artesanais, a Asociación Peñaflor de Barro realiza Pandeireta e Canto Popular, a Asociación Adapta de Ponteareas fará un curso de Informática avanzada e a Asociación de Veciños O Cabalo de Pazos de Borbén inicia Arte Floral.
A Asociación de Veciños de Soutoxuste Eixo en Redondela abre o taller de Informática iniciación, a Asociación San Martiño de Borreiros de Gondomar comeza tamén Informática iniciación, na Estrada a Asociación de Veciños da parroquia de Orazo fará un curso de zumba, a Asociación de Prexubilados e Xubilados de Viascón en Cotobade inicia Ximnasia de Mantemento e en Nigrán a Asociación Parada do Miñor de Nigrán abre o curso de pilates. En Mos comezan dous obradoiros, a Asociación de Veciños de Dornelas con Ioga e a Asociación de Guizán con Ximnasia de Mantemento.
Os obradoiros que se desenvolven agrúpanse en oito bloques temáticos, que tentan aproximar ás persoas maiores a diversos campos como a natureza, a cociña, o deporte ou as novas tecnoloxías. En concreto, os bloques son: Traballando coas Mans, Entre Fogóns, Aprendendo da Natureza, Móvete, Activando Corpo e Mente, Dálle Marcha, Enredando e En Rede.

Ningún comentario:

Publicar un comentario