As plataformas alertan da falsa imaxe que reflicten as cifras oficiais sobre lanzamentos e aseguran que non minguou o número de afectados. Critican o escaso alcance e eficacia dos numerosos programas anunciados pola Xunta durante a última lexislatura.
Durmían cando a Policía chamou á porta. O reloxo marcaba as 7:45 horas do 11 de agosto. Horas antes, o Xulgado de instrución número 1 de Vigo concedéralles dous días para deixar a vivenda, na rúa Menéndez Pelayo, onde vivían de aluguer. A única saída, parcial, pasaba por solicitar un aprazamento, por rabuñar uns días. Mais axentes policiais irromperon na casa esa mañá –33 horas antes do estabelecido– tirando a porta abaixo, e con ela as poucas esperanzas que restaban. A familia de catro, todos maiores de idade, resultou detida e pasou a noite en comisaría, acusada de atentado contra a autoridade e resistencia. Denuncian, porén, que foron agredidos e humillados durante o despexo. Recoñecen que levaban algúns atrasos nos pagos, pero non usurparon a casa, como alegou o propietario do inmoble para expulsalos.Este foi un dos últimos casos, un dos últimos entre miles. Cada día, desde o 2007, houbo en Galiza máis de seis desafiuzamentos diarios de media. Tantos que a problemática chegou case a normalizarse. No que vai de ano, segundo as cifras que publica o Consello Xeral do Poder Xudicial, o número de lanzamentos minguou no primeiro trimestre, igual que fixera durante o pasado curso. Mais é un descenso que non perciben por parte das plataformas galegas de persoas afectadas polos despexos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario