Con esta nova campaña da Axencia de Turismo, o conxunto da administración autonómica leva licitado en propaganda máis de 8,5 millóns no que levamos de 2016.
A Xunta de Galicia está a ultimar un novo contrato de publicidade a pouco máis dun mes da campaña electoral. Os medios de comunicación recibirán máis de 441.000 euros grazas a unha “campaña de promoción dos recursos naturais e culturais”, segundo a documentación administrativa do contrato.
O goberno inserirá publicidade en prensa, internet, radio e televisión. No caso da prensa farao específicamente”nás páxinas dedicadas á información de Galicia”, as adicadas precisamente a dar noticias que incumben ao Executivo. Malia que televisión, radio e Internet teñen máis audiencia, as cláusulas do contrato especifican que o soporte máis valorado é a prensa escrita.
A administración está a tramitar o procedemento do contrato pola vía negociada sen publicidade. A Axencia de Turismo de Galicia invitou as consultoras Avante, Proximia e C Grupos de empresas de Comunicación ( antes coñecida como BAP Conde) a presentar ofertas.
Este contrato é parte dun acordo máis amplio, o xeito no que a Xunta comezou a xestionar moitas das súas campañas. No referido a promoción dos activos culturais e turísticos de Galicia, o Goberno estableceu un orzamento de máis de 4 millóns en publicidade para este ano.
O montante global gastado en propaganda, segundo contas de GC baseadas nas licitacións dos contratos adxudicados, é de máis de 8,5 millóns no que levamos de 2016.
Ningún comentario:
Publicar un comentario