Boa parte do total das queixas atendidas na Oficina
Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) de Lugo este 2016
teñen relación da directa cos servizos de telefonía e
electricidade. A porcentaxe, ademais, é máis ampla cá do ano
pasado. Así
o fai saber o Concello, que vén de facer reconto da actividade
xerada pola OMIC ao longo do ano en curso. Foron, en total, 196
reclamacións atendidas. Delas, resolveuse o 84,5% das reclamacións
presentadas, “grazas ao papel mediador entre o consumidor e a
empresa”.
En termos máis concretos, o Concello lembra que
preto do 58% do total das reclamacións foron cuestións relacionadas
co servizo de telefonía e electricidade, un 5% máis que no 2015. No
caso das compañías telefónicas aténdense principalmente
facturacións incorrectas, problemas de cobertura, garantías de
terminais ou Internet. No que se refire ás compañías eléctricas,
trátase de facturacións ou lecturas incorrectas, cortes de
subministro, incumprimento de prazos ou cambios de compañía
fraudulentos.
O resto dos sectores sobres os que se reciben
queixas son a banca, automóbil novo e usado, compañías aéreas,
seguros médicos ou de accidentes, academias de ensino,
electrodomésticos, gasolineiras, xoierías, perruquerías,
transporte de viaxeiros, correos, tinturarías ou ximnasios. Segundo
fan saber fontes da OMIC, “o sector téxtil e de calzado ten
escasas reclamacións, debido á información da que dispón o
consumidor e ás boas prácticas de venta do sector”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario