San
Francisco está a acoller hoxe a celebración do Intel Developer Forum, encontro
que abriu o director xeral da compañía, Brian Krzanich, desvelando
o proxecto Alloy (aliaxe en
inglés), unha solución todo-en-un de realidade virtual que busca redefinir esta
tecnoloxía como un exemplo do futuro da realidade mesturada, que para o ano que
vén ofrecerase como unha plataforma aberta e que chama poderosamente a atención
polo feito de que carece de cables de conexión ao ordenador persoal, evitando
así unha das principais molestias das solucións de realidade virtual actuais.
Este casco non só achega ao usuario unha maior liberdade de movemento, senón
que valéndose da tecnoloxía Intel RealSense tamén pode detectar elementos do
mundo físico para, por exemplo, evitar que choquemos contra unha parede real
mentres nos movemos no mundo virtual ou para que podamos interactuar co
elementos virtuais empregando as nosas propias mans, mesturando realidade e
facilitando que os movementos físicos poidan ter resposta no espazo virtual.
Outra das grandes vantaxes da tecnoloxía RealSense integrada no casco de Alloy
é que non será preciso distribuír sensores para detectar a nosa posición ao
longo da habitación na que esteamos (como acontece con HTC Vive) de xeito que o
propio casco sería un elemento independente de sensores externos.
Cómpre destacar que non estamos ante un produto para usuarios finais, senón
para desenvolvedores, de xeito que agora compañías como Microsoft están a
colaborar para conseguir unha boa experiencia de realidade virtual baseada nesta
tecnoloxía, de xeito que para o ano que vén poderían ver a luz distintos
dispositivos baseados en Alloy.
Ningún comentario:
Publicar un comentario