Hai a quen pode resultarlle
irritante o feito de que os activistas da normalización lingüística
–cuxo propósito non é outro que o de frear a decadencia da lingua
propia do país– sigan a ter que defenderse da idea de que actúan
por motivos espurios, unha idea intensamente promovida desde
prestixiosas tribunas. Porén, a minorización do galego non é
unha fantasía, o proceso de substitución lingüística avanza con
paso firme, vivimos por completo de costas á lusofonía (alguén
lembra a tímida lei Paz-Andrade?), e o terríbel desleixo con
que utilizamos o noso idioma clama ao ceo. Pode ser que a
desaparición do galego sexa un proceso imparábel porque
maioritariamente así o decidimos. Non sería o único lugar onde
sucede algo así, como demostra o caso de Irlanda. Pero elaborar un
diagnóstico e un prognóstico rigorosos e propor medidas para
preservar un ben público non pode de ningunha maneira ser
cualificado como algo ilexítimo.
A irritación que pode
provocar o nacionalismo lingüístico español deriva sobre todo da
súa agresividade cazurra. Certamente, este nacionalismo non adoita
acadar o grao de incivismo, desprezo e mala educación con que hai
pouco se despachou na Radio Galega o afamado produtor musical Julián
Ruiz. O habitual, pola contra, é que se camufle de vítima, dispare
desde as súas trincheiras con conceptos como os de imposición
e sectarismo e acabe apelando á democracia e á lei
fundamental. O concepto estrela do seu repertorio impecábel é sen
dúbida o de bilingüismo, que, tras o seu aspecto meramente
descritivo e politicamente correcto, agacha o propósito normativo de
expansión do castelán en detrimento do galego.
A nosa política lingüística
non evitou que cada vez sexan menos os que falan (e non digamos xa
que escriben) en galego. A RAG constátao con nitidez: “o uso do
galego descendeu moito entre a xente nova e urbana –debido á perda
de transmisión familiar e á insuficiencia das medidas
normalizadoras–”. Como consecuencia, diríase que o país se acha
dividido, grosso modo, entre os castelanfalantes e os
bilingües diglósicos. Todos eles semellan estar cómodos. Resta un
reduto concienciado de galegofalantes, que son os que baten contra o
nacionalismo lingüístico español, moi asentado entre nós e por
completo incapaz de ver no plurilingüismo unha riqueza e de atopar
unha maneira asumíbel de que as distintas culturas nacionais de
España poidan convivir.
Este ano é o centenario da
publicación de Nacionalismo gallego. Nuestra “afirmación”
regional, de Antón Villar Ponte, así como da creación das
Irmandades da Fala. Polo tanto, a estas alturas xa non podemos evitar
preguntarnos se existe en Galiza a vontade de normalizarmos a lingua
propia, e, no caso de que sexa así, se estamos dispostos, como país,
a consensuarmos e a implementarmos unha nova política lingüística,
e, como cidadáns particulares, a asumirmos o correspondente custo.
As linguas non reviven nin desaparecen porque si; fano, en esencia,
por mor de dinámicas sociais e de decisións institucionais.
Contóunolo Antonio de Nebrija hai máis de cinco séculos: “siempre
la lengua fue compañera del imperio”. A lingua está moi
estreitamente relacionada co poder, e Irlanda non é o único
exemplo. En Israel, a vontade colectiva fixo posíbel converter o
hebreo nun idioma normal.
Ou teimamos en soster teses en
última instancia paternalistas ou recoñecemos por fin que todos e
cada un dos cidadáns de Galiza estamos perfectamente informados e
sabemos moi ben en que lugar do campo lingüístico nos situamos por
decisión propia. Se os deostados militantes a prol do galego perden
a súa vella e nobre batalla, todos teremos que cargar coa nosa parte
de responsabilidade. Moitos van alegrarse e a moitos –instalados no
“equilíbrio da indiferença” de que fala Lopes Facal– vai
darlles exactamente igual. Algúns van entristecerse, pero desde logo
xa non haberá nacionalista ningún que os irrite.
"Moitos van alegrarse..." Moi boa reflexión!
ResponderEliminar