O Campus Terra, da Universidade de Santiago, encabeza o programa Afinet, que conta con tres millóns de euros de financiamento e implica a universidades e centros de investigación de nove países.
Este innovador proxecto europeo, coordinado pola profesora do Departamento de Produción Vexetal da Escola Politécnica superior do Campus Terra da USC María Rosa Mosquera Losada e cuxo prazo de execución vai de 2017 a 2020, conta con tres millóns de euros de financiamento e implica a participación de universidades e centros de investigación de nove países europeos (España, Portugal, Reino Unido, Finlandia, Polonia, Francia, Italia, Hungría e Bélxica), ademais do respaldo da Federación Agroforestal Europea (Euraf), un órgano asesor da Unión Europa presidido na actualidade pola profesora Rosa Mosquera e integrado por 250 membros de 20 países, informa a USC.
O obxectivo que pretenden os promotores deste ambicioso programa continental non é outro que o de contribuír á realización e ao conseguinte cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible indicados pola FAO en 2015, a través da integración da dimensión económica, ambiental e social que depara o desenvolvemento sostible, ademais de abordar así e de xeito conxunto os retos da seguridade alimentaria, así como outros requirimentos ambientais e climáticos.
O potencial de agricultura climaticamente intelixente para contribuír ao desenvolvemento sostible está xa recoñecido na política internacional, como o proba a súa inclusión nas conclusións e recomendacións finais da Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Clima Change (UNFCCC) e na Convención sobre a Diversidade Biolóxica (CBD). Este respaldo da comunidade internacional xustifica o aumento do investimento europeo no desenvolvemento de acción orientadas a impulsar e promover prácticas de agrícolas e forestais acaídas ao clima de cada rexión.
Este programa apoia o cambio de investigación de carácter científico para a investigación orientada á innovación en base ás interaccións e ás necesidades dos usuarios finais. Daquela, os participantes no proxecto compilarán, distribuirán e difundirán de forma axeitada os resultados da investigación, ademais das boas prácticas e ideas innovadoras neste eido que non están suficientemente desenvolvidas nin estendidas.
Esta visión pode incluír experiencias de recollida e coñecemento dos diferentes axentes, o que favorece un coñecemento interactivo, creación conxunta e súa posterior difusión, adaptando os contidos aos diferentes receptores ou protagonistas implicados (agricultores e produtores, servizos de extensión, responsables políticos, pemes...) e a cada unha das distintas rexións e países da UE.
Ningún comentario:
Publicar un comentario