Atopan 'desigualdades extremas' entre Galicia e o sur de España ou rexións ricas como Escandinavia.
A alta taxa de lonxevidade de Galicia desconcerta aos científicos. Porque está no selecto club da maior esperanza de vida do mundo. Nos países desenvolvidos, segundo datos da OCDE, só Xapón e España alcanzan a cifra dos 83 anos de media de vida. E Galicia vén de entrar nesta élite, cunha esperanza de vida de 83,04 anos, tras subir medio punto (0,42%) no 2014 fronte ao ano 2013 (82,69 anos).Pero as diferenzas de lonxevidade de Galicia co sur de España semellan inexplicables. E amosan desigualdades extremas. Mentres Galicia está na cabeza de Europa, Andalucía está no furgón de cola. E o PIB non pode explicalo, tendo en conta que zonas moi desenvolvidas como Países Baixos ou Suecia tamén teñen baixa esperanza de vida con respecto á media.
Un novo estudo sobre a supervivencia na vellez en Europa amosa que España é un país de contrastes. As poboacións do norte español, Madrid, Galicia e Salamanca baten récords de idade, mentres algunhas zonas do sur presentan os índices máis baixos do continente. As diferenzas socioeconómicas poden ser parte dos motivos, que intrigan aos científicos.
Segundo o novo traballo, publicado na revista Journal of Epidemiology & Community Health, os habitantes do norte de España, o nordés de Italia, e o sur e o oeste de Francia viven ata unha idade moi avanzada. Con todo, en parte dos Países Baixos, Escandinavia, Reino Unido e o sur de España a supervivencia na vellez atópase por baixo da media europea.
Galicia, cun PIB baixo, ten maior esperanza de vida que rexións europeas moi ricasO equipo internacional analizou os patróns de supervivencia na vellez en toda Europa. Os científicos comprobaron a taxa de supervivencia de 296.725 persoas entre 75 e 84 anos de idade en dous períodos diferenciados (1991-2001 e 2001-2011) para poder establecer unha evolución e observar os cambios ao longo do tempo nos diferentes países.
Grecia, Chipre, Alemaña, Irlanda e os últimos estados membros de Europa do leste excluíronse da análise debida á escaseza de datos sobre as proporcións dos grupos de maior idade nas súas poboacións. Pola contra, Noruega, Suíza, Andorra, Liechtenstein e San Mariño foron analizados porque teñen fronteira con países da Unión Europea, obxecto principal do estudo.
De media, en 2001, un 27% dos homes entre os 75 e os 84 anos sobreviviron dez anos máis a partir desas idades. No caso das mulleres, a cifra situábase no 40%. En 2011, os índices de supervivencia aumentaran significativamente ata o 34% en homes e o 47% en mulleres. Con todo, os científicos atoparon grandes diferenzas xeográficas en ambos os períodos.
En 2001 as áreas con maior supervivencia masculina na vellez localizáronse en Madrid e Salamanca, en Galicia, en Andorra e en Xenebra (Suíza). As áreas de baixa supervivencia masculina atopábanse principalmente en Glasgow, Manchester, Liverpool e Londres (Reino Unido) e nas zonas mineiras e as rexións industriais de Francia.
En 2011, as áreas de alta supervivencia mantivéronse, e engadíronse o sur e o oeste de Francia. As áreas de baixa supervivencia correspondéronse coas zonas industriais do Reino Unido e Londres, ademais da fronteira franco-belga, Ámsterdam e Copenhague.
Os científicos destacan o fenómeno de Reino Unido, onde os datos sinalan que hai unha gran parte da poboación vivindo en áreas de baixa supervivencia na vellez.
A dieta atlántica podería ser unha das razóns para as grandes diferenzas de lonxevidadeOs científicos do estudo explican que a supervivencia na vellez está fortemente determinada pola mortalidade despois dos 85 anos, cuxa causa principal é unha doenza cardiovascular. Estas enfermidades supoñen un 42% das mortes en Europa a partir desa idade. Segundo os seus datos, unha menor incidencia destas doenzas no norte de España e toda Francia xustifican, polo menos en parte, os altos índices de supervivencia na vellez nestas localizacións.
Sinalan tamén que Portugal, o sur de España e o sur de Italia son rexións economicamente máis desfavorecidas e, á vez, zonas cunha taxa de supervivencia máis baixa. Outras zonas dentro dos mesmos países cunha mellor situación económica, como o norte de España ou o norte de Italia, presentan unhas das taxas de supervivencia na vellez máis altas de Europa. Pero o caso galego non se sustenta con este argumento, porque o PIB galego está no cuadrante dos máis baixos do continente, ata o punto de que é un área que recibe fondos de cohesión europeos. Unha explicación podería atoparse no estilo de vida, con menos estrés, o que por exemplo xustificaría que Ourense sexa a zona con maior lonxevidade de Galicia. E os científicos tamén valoran que a clave podería atoparse na dieta atlántica, a alimentación propia do país.
Por iso, tampouco o Produto Interior Bruto (PIB) explicaría as taxas de baixa supervivencia atopadas en Dinamarca ou os Países Baixos, que poderían xustificarse, segundo este traballo, nun estilo de vida menos san debido á dieta, o tabaco e outros hábitos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario