xoves, 18 de agosto de 2016

Lalín desenvolverá de setembro a decembro un plan de mellora do emprendimiento xuvenil

Proemga oriéntase a 25 veciños da comarca de menos de 30 anos - Inclúe un taller, módulos formativos e tutorías de apoio.

A edil de Emprego de Lalín, Katia Procino, e o portavoz da Fundación Galicia Innova, Sergio Mosquera, presentaron onte unha iniciativa que se desenvolverá na capital dezana no último trimestre do ano. Trátase do Programa de Formación e Acompañamento para a Mellora do Emprendimiento Xuvenil, Proemga. É un proxecto gratuíto que conta co apoio financeiro de Galicia Innova e Incyde, así como do Fondo Social Europeo (FSE). Ademais de en Lalín, tamén se ofrece en Lugo, Ferrol e Ribeira. Mosquera explica que se escolleron este catro localidades pola súa taxa significativa de desemprego xuvenil.
En Lalín ofértanse 25 prazas, todas para mozos menores de 30 anos, que sexan titulados profesionais ou universitarios, en situación de desemprego e que estean rexistrados no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil polo menos durante o mes previo ao comezo do proxecto. Outro requisito é que non estean a participar nos sistemas de educación ou formación. O obxectivo de Proemga é "facilitar a incorporación ao mercado laboral, transformando as ideas de negocio en proxectos reais", indica Procino, quen explica que a iniciativa se desenvolverá en tres fases para potenciar as capacidades persoais, a formación grupal e o mentoring, unha práctica na que un experto apoia a un empregado ou persoa máis nova a comprender o seu desenvolvemento profesional.
Deste xeito, como indica Mosquera, a primeira parte arrinca o 19 de setembro, coa captación e a selección dos 25 mozos que participan no proxecto. Nestes talleres de motivación, que terán lugar na sede da Udiaf (polígono Lalín 2000) os asistentes desenvolverán a súa ficha persoal e deseñarán un plan de emprendimiento personalizado, durante unha xornada de catro horas. Seleccionaranse os 15 mellores proxectos para pasar á segunda fase, cuxo comezo se prevé a partir do 17 de outubro e na que se porán en marcha módulos formativos durante un total de 32 horas. Estes módulos versarán sobre habilidades, estratexias, creación, comunicación e plans de negocio. A esas máis de 30 horas de formación grupal súmanse outras 16 de tutorías individualizadas e 8 de visitas a startups (compañías emerxentes), para coñecer casos reais de emprendimiento. Por último, a terceira fase céntrase no mentoring, con 10 horas de tutorías individualizadas por participante. Durante estas sesións formalizarase a actividade económica de cada proxecto e ofrecerase asesoramento para mellorar as aptitudes de cada emprendedor de face á súa entrada no mercado laboral.
Inscrición
O programa rematará a mediados de decembro. Todas as persoas interesadas en participar poden obter máis información na Concellería de Emprego. A inscrición tamén pode formalizarse na páxina web www.fundaciongaliciainnova.org/proemga -onde pode descargarse o formulario de inscrición- ou a través do número de teléfono 881 929 102. No caso de Lalín, Proemga está aberto tanto a mozos da cabeceira comarcal dezana como dos municipios veciños.

Ningún comentario:

Publicar un comentario