Os nosos concellos están amosando ao mundo
blogueiro os seus potenciais turísticos. E fano por varios motivos
(hábitos turísticos cada vez máis enraizados na Rede, necesidade
de abrir novos vieiros para a nosa autopromoción), pero en boa
medida porque unha parte importante da actividade viaxeira,
hostaleira e gastronómica estatal ten o seu punto de partida nos
cadernos persoais de “viaxeiros-blogueiros” referenciais. Se hai
uns días falamos
das xeiras de acollida de influencers do Concello de Ferrol,
ou dos
encontros celebrados en Camariñas, agora é a quenda de Lalín,
que vén
de anunciar que en outubro amosará o potencial do Concello perante
unha ducia de blogueiros.
Trátase dunha iniciativa impulsada dende
Concellería de Turismo e diríxese a visualizar os atractivos locais
perante bitacoreiros turístico de “influencia e prestixio”.
Segundo fixo saber o concelleiro Francisco Vilariño, a iniciativa
encamíñase a difundir o concello de Lalín e os seus recursos,
contribuíndo a acadar a máxima promoción a nivel turístico en
redes sociais e nos cadernos dixitais de cada participante, “coa
repercusión que isto significará para o enriquecemento social,
económico e cultural do concello”.
A iniciativa abranguerá xeiras de acollida de
blogueiros durante unha fin de semana do mes de outubro. Durante esta
estadía os impulsores do programa amosaranlles os enclaves de Lalín
de meirande valor paisaxístico, natural, arquitectónico e
histórico, incluída a Fraga de Catasós (un conxunto de gran valor
ambiental declarado Monumento Natural e que acubilla, no seu seo,
algúns dos máis senlleiros carballos e castiñeiros da nosa terra),
as diferentes rutas do rural ou os emprazamentos máis salientábeis
da propia vila. O Concello confía en que a estadía dos blogueiros
en Lalín repercuta moi positivamente na presenza vindeira de
visitantes, con todo o que ten isto de positivo para o comercio local
e os eidos gastronómicos e hostaleiros locais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario