A ferramenta galega NUbINGS garante un aforro de 300 euros cada ano na factura eléctrica.
José Rodríguez, Pablo Otero e Enrique Comesaña coñecéronse cando estudaban Física na Universidade de Santiago de Compostela. Mentres realizaban o doutorado, comezaron a idear un proxecto empresarial vinculado ao coidado do medio ambiente e o aforro enerxético. Preocupados polo aumento da factura da luz e polo potencial de redución do consumo que podería haber en moitas casas, decidiron madurar a idea e convertela nun proxecto real.“Reducir un 20 por cento da factura eléctrica é sinxelo”, din desde NUbINGS“Naquel momento non había ningunha idea semellante para o eido doméstico”, lembra José Rodríguez, agora CEO de NUbINGS, unha plataforma desenvolvida por estes tres mozos galegos que ofrece consellos de aforro enerxético personalizado para as vivendas. “Reducir un 20 por cento da factura é sinxelo”, afirma José. É dicir, que unha casa podería aforrar, en promedio, uns 300 euros anuais.
NUbINGS componse de dúas ferramentas: un gadget e unha app. O gadget (dispositivo cunhas pinzas amperimétricas) colocase no cadro eléctrico da casa e mide por separado o consumo de cada circuito de electricidade (consumo xeral, iluminación, lavadora, lavalouza, neveira, etc.). Despois envíanse os datos a través da conexión de Internet á plataforma na nube, á que se pode acceder dende calquera dispositivo móbil.
Conta José Rodríguez que a plataforma ten un funcionamento “moi intuitivo e sinxelo. Divídese en varias seccións, nas que se pode, por exemplo activar alarmas por se hai apagamentos ou sobrecargas, se algún aparello queda aceso, ou establecer límites de gasto en cada circuíto”.
Está previsto que en setembro saia á venda a ferramentaNon en tanto, a sinal de identidade de NUbINGS é a das suxestións de aforro personalizado para cada vivenda segundo as súas características: aconsellan cómo optimizar a tarifa eléctrica (cambiando a pauta de cobro ou reducindo a potencia) ou cómo reducir o consumo en iluminación e en electrodomésticos, cambiando os dispositivos existentes por outros máis eficientes. Para iso, o usuario deberá aportar datos sobre os tipos de iluminación e aparellos que hai na casa. NUbINGS fai o resto: en base a estes datos, ofrece consellos a medida para cada caso.
Todas estas medidas pódense observar nunha vivenda piloto que a empresa ten ás aforas de Santiago, na que se amosa o antes e o despois da labor de asesoramento que realizan. “Tiñamos, por exemplo, un frigorífico que gastaba 240 euros de enerxía cada ano. Substituímolo por un novo, con clasificación de A+++ que só consume 35 euros anuais. A compra amortízase en tan só 3 anos”, relata o CEO da empresa.
O produto de NUbINGS está a piques de saír á venda. Xa se poden facer reservas na súa web e estanse fabricando as primeiras unidades. Durante este verán realizarán as últimas probas antes de saír ao mercado. Agárdase que en setembro sexa unha realidade. Polo de agora, as sensacións son boas. “A xente que o probou está satisfeita. A nosa previsión é vender unhas mil unidades antes de que remate o ano”, conta José Rodríguez.
Ademais de José (CEO), Pablo (COO) e Enrique (CTO), o equipo de NUbINGS conta con dous empregados máis na parte de desenvolvemento e dúas persoas encargadas da comunicación e do marketing. O proxecto recibiu o pulo de ViaGalicia, no que foron finalistas en 2015, e obtivo o segundo posto na categoría Innovación e TIC nos premios do IEBS. Aínda que nun primeiro momento estableceron a súa base en Compostela, desprazáronse á aceleradora de Porto do Molle, en Nigrán, ao resultar finalistas do certame VíaGalicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario