martes, 6 de outubro de 2015

Os problemas da terminoloxía galega, a debate

Filoloxía acolle estes días o Segundo Congreso Internacional da Rede de Lexicografía (RELEX) na que se afondará na relación entre terminoloxía e empresa e no traballo colaborativo na difusión da lingua.

Especialistas de todo o mundo reúnense esta semana na Facultade de Filoloxía da USCpara asistir ao Segundo Congreso Internacional da Rede de Lexicografía (RELEX)dedicado este ano á terminoloxía, un campo de estudo fundamental para todas as linguas que queiran responder desde a súa identidade ás necesidades denominativas especializadas da sociedade actual, pero que adquire unha importancia especial para as linguas que están inmersas nun proceso de normalización.
 
O encontro profundará ata o día 7 na relación entre terminoloxía e empresa e no traballo colaborativo na elaboración e difusión da terminoloxía, dúas cuestións importantes para os organizadores na realidade actual de Galicia. “Os problemas da terminoloxía e o mundo empresarial é recorrente no Plan Xeral de Normalización Lingüística do 2004, e é un dos puntos importantes do Plan de normalización lingüística no ámbito da empresa que neste momento elabora a Xunta de Galicia”, indican. 
 
No que se refire ao traballo colaborativo na produción e difusión da terminoloxía, explican, é fundamental en todos os ámbitos “pero dunha maneira moi especial na terminoloxía das TIC e nos problemas de localización de software ao galego, onde existe unha comunidade moi activa de traballo colaborativo”.
 
A inauguración do congreso tivo lugar esta luns nun acto presidido polo vicerreitor de Comunicación, Xosé Pereira, e no que ademais participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a decana da facultade anfitrioa, María José López Couso; o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero; a coordinadora da rede ‘Relex’, Dolores Sánchez Palomino; e o presidente do comité organizador, o profesor da USC Manuel González.
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario