A consellería de cultura, educación e ordenación universitaria ven de
publicar no DOG, como os últimos anos, a orde que regula a convocatoria
de axudas para a adquisición de libros de texto para o alumnado de
centros sostidos con fondos públicos para o curso 2014/15.
O texto desta norma afonda e acrecenta os erros de anos anteriores, e
o lamentable é que son erros que se veñen denunciando sistematicamente
dende todos os colectivos implicados no ensino.
Tanto as familias como os profesionais docentes sabemos que este
sistema é incorrecto, custoso e non equitativo. Mesmo a defensora do
pobo ten indicado no seu informe (de outubro pasado) que os sistemas de
subvencións para a adquisición de libros de texto son menos eficientes,
dende un punto de vista económico, e non fomentan actitudes e valores de
uso responsables dos bens, como si ocorre cos sistemas de préstamo.
Para entender a inconsistencia dos sistemas de subvención hai que
entender, primeiro, de onde ven a utilización de diñeiro público na
compra dun ben que semella privado tal e como son os libros de texto:
A constitución, no seu artigo 27.4, establece que “o ensino básico é
obrigatorio e gratuíto” e sucesivas leis educativas identifican “básico”
como “obrigatorio”. Ou sexa, o ensino de primaria e secundaria, dos 6
aos 16 anos de idade; polo tanto o custo deste ensino, cando se imparte
en centros públicos, debe ser absolutamente gratuíto en todos os seus
aspectos, nomeadamente nos libros de texto, pero tamén nos materiais
didácticos utilizados e calquera outro recurso educativo que se puidese
ter que utilizar.
Porén, na nosa cultura, a subvención, a “axuda” como di a norma que
nos ocupa, implica a existencia dun gasto por parte do suxeito
“axudado”. Nestes casos, a administración “colabora”, “participa” ou
“reintegra” parcialmente un gasto que hai que realizar, de tal maneira
que traslada ás familias a carga que a constitución lle impón á propia
Administración, que pasa de ser garante de legalidade a transgresora de
preceptos constitucionais básicos, como neste caso.
Hai que entender, en consecuencia, que o ensino obrigatorio gratuíto é
un dereito absoluto de todas as persoas que vivimos neste réxime
xurídico e que pretendemos educar aos nosos fillos e fillas no ensino
público. Ningún poder político pode limitar ese dereito porque existe un
precepto superior que llo impide; ninguén ten que nos dar nada, o ensino gratuíto é noso,
forma parte desas regras do xogo que se nomean sistematicamente como
intocábeis, é o que quixemos darnos a nós mesmos como marco de
convivencia.
E ese é o primeiro despropósito dos sistemas de axudas, pero hai moitísimo máis:
- É extemporáneo, porque distribúe o dereito á axuda dacordo á situación dunha familia a 31-12-2012, hai ano e medio nesta convocatoria.
Descoñecen os nosos gobernantes a cantidade de posibles cambios aos que están suxeitas as nosas vidas nese período?
- É insuficiente: os libros de texto custan máis do
que aportan as axudas; mesmo se o sistema estivese, que non o está,
absolutamente acertado na elección dos “axudados”, nin así lles chegaría
para subvencionar o gasto que teñen que facer. E os libros só
representan unha parte do custo do ensino.
- É antiecolóxico, na sociedade na que vivimos
hoxendía, onde os valores da reciclaxe e a reutilización de bens están
mesmo nos plans de estudo dos nosos fillos, un sistema de axudas afonda
no concepto de consumo, de compra sistemática de novas unidades dun
produto que non é en absoluto necesario producir nesa medida.
- É antieducativo, pola mesma razón, andamos a lle
explicar aos nosos fillos e fillas que as cousas teñen moitas vidas, e
que deben coidalas para que esas vidas sexan cada vez máis, e á vez
metémoslles nas mans todos os anos un libro, que é papel, que é natureza
(o primeiro que entende un neno é que un libro ven dunha árbore),
inutilmente novo e que queda novo nos andeis da casa cando remata o
curso.
- É antieconómico, a Administración está a gastar
todos os anos unha cantidade enorme de diñeiro que vai parar a eses
andeis das casas das que antes falaba; se a sociedade se deixara guiar
polo discurso gobernamental, todo ese diñeiro metido en papel estaría
inutilizado ocupando espazo estéril; aínda é ben que nós sempre tivemos
máis atención ás cousas do que determinadas políticas quixeran, e
sabemos reutilizar os bens que poden servir para outros.
- E de difícil xestión, a Administración está
utilizando ao profesorado, que ten como función a educación, para
realizar complexas e burocráticas labores administrativas que lle son
impropias, e que lle impiden adicarse ao seu traballo principal; temos
aos equipos directivos repartindo folletos, cubrindo instancias,
enchendo formularios, e tramitando axudas de algo que non é da súa
competencia.
Boa parte destes erros indicados previamente podería pensarse que se
palían coas grandes novidades da convocatoria deste ano: o incremento do
control do destino da axuda, fabricando burocracia para garantir que o
diñeiro se emprega na compra de libros de texto, a obriga de devolución
dos libros adquiridos coa axuda recibida, e a futura creación con eses
libros dun “fondo solidario que se constituirá no centro (banco de
libros)”.
O certo é que isto, antes de mellorar a situación previa, o que fai é complicala e invalidala aínda máis:
- Converte ás librerías en “colaboradores necesarios” , agora xa
temos a dous sectores non axeitados tramitando axudas: o profesorado e
os libreiros.
- Anula totalmente a posibilidade de adicar a axuda á adquisición de
material complementario, agás dunhas poucas excepcións, verémonos no
absurdo de que unha familia que precise as axudas pero que teña xa os
libros de texto porque alguén, mesmo un irmán maior, lle doe os libros,
só podería mercar uns novos; pero non podería mercar un lapis. Aí vemos
novamente incumprido o precepto constitucional de gratuidade do ensino.
- Incrementa as dificultades de xestión do profesorado dun xeito
exponencial, porque terán non só que tramitar as subvencións, tamén
terán que recoller os libros, clasificalos e entregalos para o ano
seguinte.
- Ten un enorme risco de discriminación: no mes de xuño do ano 2015
asistiremos ao espectáculo de ver como o profesorado se converte en
colleitador de libros de texto pagados con axudas públicas. Hanlles
facer unha marca para distinguilos? Dirán nas clases: “este neno e
estoutro teñen que deixar os libros porque son pobres e llelos pagou a
xunta” ? Diranlles aos nenos durante o curso: “ti escribe no libro sen
problemas, pero ti non que o libro non é teu de todo e tes que
devolvelo?.
E todo isto cando estamos nun momento no que a axuda pública, xa que
non se quere ver como o dereito que é, sabemos que só debe ter a
finalidade de garantir a equidade no trato entre as persoas que formamos
a sociedade, imos crear unha visibilización da necesidade entre os
nenos. Xa só falta que os libros “da xunta” sexan doutra cor.
- Ten un enorme custo: ao custo laboral, enorme, de xestionar todo
ese absurdo sistema de xestión-devolución-entrega, haberá que
incrementarlle o das reclamacións aos incumpridores, o dos libros que se
deterioren, porque os nenos son nenos e poden romper un libro, o dos
libros perdidos, os que correspondan a alumnos trasladados…
- Métenos de cheo nunha indeterminación absoluta: quen van ser os
beneficiarios dos libros recuperados? A partir do curso 2015-16 as
axudas van ser en especie ou asistiremos ao paradoxo de ver como a xente
que non tiña dereito a unha axuda nun ano é beneficiaria ao ano
seguinte do produto comprado con esa mesma axuda?c
Como imos compaxinar este sistema cos cambios de libros de texto que
ocorren cada catro ou seis anos ? Ese fondo solidario será como unha
caste de ruleta na que se acerta de cando en vez?
Sabemos todos como se chama o propiciado por unha norma que non
permite expectativas fiables, que non garante igualdade entre os
implicados, que introduce a aleatoriedade entre os diferentes suxeitos
que se poden ver afectados? Pois claramente: é unha norma inxusta,
ilegal e discriminatoria.
Por iso esiximos, de novo e continuadamente: hai que volver ao sistema de préstamo universal de libros de texto,
todos os nenos e nenas, veñan de onde veñan, teñan o diñeiro que teñan
as súas familias, chámense como se chamen as súas culturas, teñen
dereito a entrar nunha aula e ser iguais que todos os demais nenos e
nenas, e nós temos a obriga de garantirlles ese dereito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario