xoves, 5 de xuño de 2014

Campaña a favor da gratuidade dos libros de texto

Recentemente a Confederación de Anpas Galegas celebrou unha asemblea xeral para avaliar a campaña pola gratuidade dos libros de texto e material escolar iniciada hai case catro meses; a nosa intención foi consultar e amosar a realidade do País en canto ao finanzamento dos libros de texto e material complementario, partindo do informe da Defensora do Pobo, que é coincidente cos nosos plantexamentos iniciais, pero querendo contrastar esa nosa opinión co día a día das familias e dos centros escolares.

Logo de centos de asembleas das anpas e das federacións nas que están integradas,  acordos nos consellos escolares, entrevistas cos grupos parlamentares e locais, presentación de mocións nos plenos e nos consellos escolares municipais que se convocaron neste período, atopamos unha resposta de fácil lectura: as familias e o profesorado estamos unanimemente de acordo en que o sistema desexable para levar a práctica o mandado constitucional de termos un "ensino básico obrigatorio e gratuíto" é o sistema de préstamo universal de libros de texto organizado e xestionado pola administración educativa.
 
E tamén houbo unanimidade absoluta cando rexeitamos o actual sistema, o de axudas diñeirarias á compra de libros, por ser insuficiente e á vez absurdamente costoso, por incrementar a burocracia nos centros, e porque non é en ningún momento un procedemento educativo que pretenda fomentar valores de reutilización e solidariedade, como o de préstamo, senón que propicia os valores de consumo inútil, gasto supérfluo, e reivindicación da individualidade fronte ao colectivo.
 
A nosa campaña, ademais dun amplo efecto social tivo un indiscutibel efecto político, sucedéronse as mocións no ámbito municipal e mesmo no parlamento autonómico, contamos co apoio expreso de todas as forzas políticas, agás do PP, quen mesmo nalgunha ocasión xuntouse tamén; pero sempre tivemos, e continuamos a ter, a oposición frontal do actual goberno da Xunta de Galicia, quen non respondeu ás nosas solicitudes de reunión, e quen ven de sacar unha orde convocando axudas para a adquisición de libros de texto na que claramente non se escoita nin ás familias, nin aos claustros, nin as institucións, nin aos representantes dos cidadáns e cidadás. Unha orde que tampouco xustifica a súa existencia en contra da opinión e a vontade de todos, e que ademais pretende consolidar un  modelo de xestión da obriga constitucional da gratuidade no que se mestura a insuficiente atención social coa responsabilidade educativa.
 
Por todo iso, esta confederación rexeita o actual sistema de axudas aos libros de texto da Xunta de Galiza, e solicita a urxente reimplantación do sistema de préstamo universal de libros de texto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario