Xosé Neira Vilas foi galardoado co premio Otero Pedrayo 2013, segundo
acordo unánime do xurado, reunido hoxe na Deputación de Pontevedra.
O premio, organizado de forma rotatoria polas Deputacións galegas,
recoñece a contribución á cultura galega, a promoción dos valores
propios, a ilustración da cidadanía e a mellora das institucións no
campo das letras e o coñecemento.
Participaron na reunión do xurado o presidente da Real Academia Galega,
Xesús Alonso Montero; os secretarios xerais de Política Lingüística e de
Cultura, Valentín García e Anxo Lorenzo; o vicerreitor de extensión
Universitaria da Universidade de Vigo, Manuel Fernández; o investigador
do CSIC Isidro García Tato; o director do Museo de Pontevedra, Carlos
Vale; o escritor Luis González Tosar; o técnico de Xestión Cultural da
deputación coruñesa Felipe Senén López, e tres deputados provinciais.
Alonso Montero definiu a Neira Vilas, autor da celebérrima Memorias dun neno labrego, como "o candidato de todos os cidadáns da cultura galega".
Nacido en Gres, Vila de Cruces, en 1928, Neira Vilas regresou a Galicia a
principios dos anos 90 tras pasar máis de catro décadas na emigración,
primeiro en Arxentina e sobre todo en Cuba, e foi aclamado pola súa
perspectiva literaria sobre a infancia na posguerra e sobre a
emigración.
Ningún comentario:
Publicar un comentario