O xurado decidiu que María Reimóndez levase coa súa obra Dende o conflito o trixésimo primeiro Premio Xerais de Novela, no que quedaron finalistas as obras presentadas baixo os lemas Sebastian Nell e A mirada de Ismael. Intérprete e tradutora de profesión e activista no ámbito do feminismo e da cooperación, Reimóndez conta nesta novela a historia de Saínza Combarro, unha xornalista que cobre conflitos bélicos para a BBC e que, destaca o xurado, "vive en carne propia o dilema de optar entre o cinismo e a resignación á hora de relatar o que ve". "Dende o conflito rende homenaxe a aquelas mulleres xornalistas que souberon poñer a verdade dos conflitos bélicos por riba de todo", mesmo "da súa propia seguridade", salientan. Para a autora "recibir o Premio Xerais supón cumprir un dos seños máis importantes" como escritora, "porque Xerais é o meu fogar literario" e "porque é un premio xulgado por persoas que len".
Outra premiada da noite foi Ledicia Costas, que recolleu o vixésimo cuarto Premio Merlín de Literatura Infantil con Escarlatina. A cociñeira defunta. O xurado, que tomou a decisión por unanimidade, ve na obra un "singular receitario para criaturas do Inframundo" que supón "toda unha exquisitez literaria elaborada con esmero" na "cociña creativa" da autora. Todos os ingredientes do libro, abondan, foron ligados "con harmonía e vertidos nun consistente molde narrativo" que goza dun "discurso cativador que só é sinxelo na apariencia". Costas ve no galardón a "recompensa a moitos anos de traballo", neste caso cunha obra que é "fundamentalmente un libro de humor", que fai "do macabro algo divertido, desmitificando a morte e o seu significado".
A nómina de distincións da noite complétaa o gañador da sexta edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, Eduardo Santiago, co seu libro O Gran Reino, protagonizado por unha rapaza de catorce anos "brillante nos estudos e cunha imaxinación portentosa" pero tamén cun "exacerbado narcisismo e unha marcada competitividade" que "acaban por condenala ao abandono por parte das súas amigas". "Ante esta situación -resume o xurado- mergúllase na literatura de forma compulsiva" ata chegar a un "afastamento da razón e a convicción de que o reino de Margonia está agardando por ela". "As entradas e saídas neste mundo fantástico concédenlles ás lectoras e lectores un respiro na intensa narración dunha vida adolescente marcada pola anorexia, a loucura e a falta de cariño", explican. Santiago escribiu o libro como "reacción ao gran boom das novelas xuvenís de mundos paralelos" e a idea xurdiu da súa filla, "unha auténtica fonte de inspiración para min, que tamén estaba farta de ler sempre a mesma historia con distintos personaxes".
Bragado reclama atención para o libro e a cultura
O acto de San Simón estivo agarimado polas verbas do tradutor Xavier Senín, mantedor literario da velada cun discurso titulado Agasallar palabras no que lembrou as verbas de Verne sobre as augras da ría de Vigo, "impregnadas de luz eléctrica". Senín aproveitou tamén a súa intervención para lembrar os seus lectores máis queridos como alentadores da lectura "como pracer e necesidade" que se atopa especialmente ben reflectido nas librarías e "na casa dos libros, a biblioteca, que acolle, integra, innova, aprende, descobre e todo iso faino por medio de persoas que coñecen e aman os libros, como os promotores da lectura".Xavier Senín foi o mantedor literario da veladaO peche da festa anual de Xerais correspondeulle ao director da editorial, Manuel Bragado. Ademais de agradecer o apoio de institucións e empresas para a celebración dos premios Xerais do 2014 e parabenizar as gañadoras e o gañador dos galardóns explicoulles aos presentes algúns dos proxectos nos que traballa a editorial, especialmente no ámbito dixital. Ao tempo, Bragado culminou o seu discurso reclamando unha "maior atención para o mundo do libro e da cultura".
Ningún comentario:
Publicar un comentario