Expertos galegos e internacionais coinciden na necesidade de superar os conflitos lingüísticos e de situar o galego como unha lingua internacional.
“Identidade”, “estabilidade”, “normalidade” e “multiculturalidade”.
Esas son algunhas das palabras nas que se pode resumir a mesa redonda
que este venres xuntou na sede da escola infantil da Avoaescola de Narón
a destacados especialistas, estudiosos e defensores do galego.
O profesor da Universidade de Wisconsin-Milwaukee,Gabriel Rei-Doval; o sociolingüista indio Anik Nandi; o impulsor do proxecto Burela, Bernardo Penabade e o presidente de Avoaescola, Francisco López,
realizaron unha radiografía sobre a importancia de “normalizar” o
galego entre os máis pequenos, nunha mesa que estivo moderada polo
xornalista Xurxo Salgado.
Todos eles coincidiron na necesidade de superar os conflitos
lingüísticos e de situar o galego no lugar que se merece. “Pode ser
falada e entendida por máis de 300 millóns de persoas”, apuntou
Penabade.
Na súa intervención, o profesor Gabriel Rei-Doval, doutor en
Filoloxía Galega e profesor de Lingüística Luso-Hispánica na
Universidade de Wisconsin-Milwaukee lembrou que os datos
sociolingüísticos mostran como a escola axudou, histórica e
contemporaneamente, á castelanización dos usos lingüísticos escolares.
“Teóricos da revitalización lingüística como Joshua Fishman
teñen cuestionado a capacidade do sistema escolar para, por si propio,
reverte-la substitución lingüística. As dificultades da escola para
influencia-lo complexo casa-rueiro-comunidade estarían na base desa
dúbida”, indicou.
“En galego estamos no mundo: facendo acorda-la lingua de Galicia na
escola” foi o título da súa intervención na que suliñou que, a pesar
deste ambiente hostil xorden “estimulantes innovacións sociais” coma a
ferrolterrá ‘Avoaescola’ e as lucenses ‘Burela’ e ’Neo’, “mostras
concretas e reais de que dinamiza-la lingua galega desde a escola é non
só posible senón tamén aconsellable”.
Rei-Doval indicou que, nun macro-contexto sociopolítico que desfavorece
tales iniciativas, a planificación lingüística de abaixo-arriba pode
axudar a acordar o galego do “adormecido tecido social en que vivimos”.
“A escola soa non pode facelo, mais si contribuír a facelo”, engadiu.
Ademais, insistiu que o galego é, antes ca un impedimento, “unha útil
ferramenta de interlocución sociocultural”. “Porque, como dicía nos anos
90 unha campaña da USC deseñada desde a Ferrolterra, en galego estamos no mundo”, lembrou.
A lingua constrúe identidades colectivas
“Un dos elementos máis definitorios da cultura dun pobo é, sen dúbida, a
súa lingua, xa que -alén de ser o principal mecanismo de comunicación
entre as persoas- os idiomas serven tamén para transmitir emocións, sentimentos e valores sociais,
atopándose por iso ligados a procesos de construción de identidades
colectivas”, comezou o sociolingüista indio Anik Nandi a súa
intervención sobre a “situación das linguas minoritarias en educación:
unha perspectiva global (India e Galiza)”.
Así, suliñou que as linguas reflicten o núcleo cultural das comunidades
que as falan e o desprazamento dun idioma é, recalcou,
“indiscutiblemente o primeiro paso cara á súa desaparición”. Por iso,
salientou que os sistemas educativos e os medios de comunicación e, por
encima de todo, a familia, “xogan un papel moi importante nos procesos de asimilación lingüística”.
Deste xeito, a exclusión das linguas minoritarias da educación formal
“incide directamente na perda da diversidade lingüística”, dixo. Por
iso, durante a súa intervención referiuse á situación das linguas
minoritarias nunha sociedade plurilingüe como a da India e Galicia e
destacou a importancia que, en ambas as dúas sociedades, teñen fenómenos
como o “cambio do idioma”, a “desaparición” ou extinción das linguas e o papel o que xogan as escolas infantís no “mantemento/revitalización das linguas”.
Modelos concretos: Proxecto Burela e Avoaescola
Pola súa banda, o profesor de lingua e literatura galega no instituto “O Perdouro”, en Burela, e impulsor do Proxecto Burela e Neo
de normalización e extensión da lingua galega, expuxo os resultados do
Modelo Burela, que agora cumpre dez anos (2004-2014) e que se converteu
na iniciativa máis pragmática de todas as que se viñeron aplicando en
Galicia. Ademais foi recoñecida por parte de entidades como a Secretaría
Xeral de Política Lingüística; a Asociación de Funcionarios; ou da
CTNL.
Penabade entregou á Avoaescola copias dos materiais
xerados pola posta en práctica do Modelo Lingüístico Aglutinante na
localidade de Burela. “Poden ter utilidade tanto para axudar a levantar
esta nova escola como para a dotar da estabilidade que lle permita
manterse no tempo”, dixo na súa intervención.
Finalmente, Francisco López, presidente de Galiza co Galego asociación
que da apoio económico e social a proxectos de educación infantil en
galego, agradeceu todos o seu apoio e falou da experiencia da Avoaescola
Ferrolterra, un proxecto educativo en galego, que tamén coordina, e que
neste momento abrangue ate os 3 anos.
Explicou que a razón de Avoaescola surxe da determinación das persoas
socias de Galiza co Galego de facilitar o uso do dereito á educación en
galego. Unha Cooperativa baixo a forma de “consumo”, na que pode
participar toda a sociedade, familias, educadores/as, entidades,... e
que permite pór en marcha unha escola “infantil” sen agardar por
trámites, ou recursos...
“Unha en galego cunha pedagoxía que parte da indagación e da investigación-acción,
cunha metodoloxía activa, participativa e colaborativa, en busca da
consecución da autonomía dos nenos/as, fomentando valores como a
igualdade, a solidariedade, a empatía, o respecto, a coeducación, a
tolerancia e o coidado do medio ambiente”, indicou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario