“Parece
que este decreto xa non convence nin ao presidente, que se dedica a
lamentase nos Consellos da Xunta de o ter que cumpir” ironizan desde A
Mesa.
Marcos Maceira:
“Se a Feixó tampouco lle gusta esta lei, só ten que derrogar o decreto,
que é o que solicita o conxunto da comunidade educativa e a maioría do
país.
Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2014. - A
Mesa pola Normalización Lingüística reaccionou esta mañá ás declaracións
de Feixó tras o Consello da Xunta nas que, ante as críticas da RAG
motivadas polo estudo sobre a situación do galego na Educación Infantil
das cidades galegas presentado e elaborado pola Mesa, xustificaba a
erradicación do galego no ensino infantil argumentando que o Goberno
“está cumprindo coas súas obrigas legais, que son garantir o coñecemento
do galego en pé de igualdade co castelán e cumprir e facer cumprir o
decreto, sancionado polo TSXG, do plurilingüismo”.
A Mesa lembrou que só o 2,42% dos centros de
Educación Infantil das cidades declaran utilizar maioritariamente o
galego, e só no 4,15% o nivel de uso do galego está no 50%, segundo os
datos que recolle o informe feitos público pola entidade en defensa da
lingua, e que o propio presidente coincide en valorar como preocupantes.
Desde a asociación en defensa do idioma sinalaron
que “hai que ser moi cínico” e ter “moi pouco respecto á intelixencia da
cidadanía” para que unha das primeiras medidas do teu goberno sexa
“aprobar un decreto contra a presenza do galego no ensino, e que cando
se comezan a facer evidentes os efectos dese decreto teñas o descaro de
dicir que só te limitas a cumprir a lei”.
“Parece que este decreto xa non convence nin ao
presidente, que se dedica a lamentarse nos Consellos da Xunta de o ter
que cumprir” ironizaron desde A Mesa.
Neste sentido, o presidente da asociación, Marcos
Maceira, sinalou que “se a Feixó tampouco lle gusta este decretazo só o
ten que derrogar, que é o que solicita o conxunto da comunidade
educativa e a maioría do país”.
Así, desde a Mesa reclamaron máis unha vez a Feixó que derrogue este decreto e volva ao consenso do Plan xeral de normalización da lingua galega, así como que asuma os mandatos do Estatuto de Autonomía, da Lei de Normalización Lingüística e da Carta europea das linguas,
“que tamén son de obrigado cumrpimento e legalmente de rango superior
ao decreto lingüicida de Feixó.”, sentenciou Marcos Maceira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario